↧
NO MONTE DO SEIXO CON ANDAINAS (12-4-2015)
↧
Presentación do libro "A conxura dos Gosende" en Pontevedra (24 de xullo, 20'00 h, Galería Sargadelos)
↧
↧
BENVIDA AO ACTO DE LECTURA PÚBLICA DA "ALBA DE GLORIA" DE CASTELAO (Pico Sacro, 18 de xullo de 2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
↧
OFRENDA Á RAÍÑA LUPA (Pico Sacro, 18 de xullo de 2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Ilustración de Ana Santiso
.
..
.
Benvida ao acto de lectura pública do Alba de Gloria de Castelao (Pico Sacro, 18 de xullo de 2015)
Calros Solla
Unha aguia de sol pousa na espadana do Ilicino. A branca torre de seixo brandea esguío o seu pendón de abrotia e o sinal convindo reprodúcese coma eco, cimbra a cimbra, cume a cume, atinxindo as catro derregas do país.
Con solemne e compasado chío, a carruaxe real, turrada por unha manda de aluados lubicáns, fondea nunha aberta do ceo. Os outeiros lañados traban a deriva do rizón. Lustres de arrepío e rouco torbón anuncian a chegada da raíña, deusa entronizada na Pedra do Destino.
Un morno refoleo esvae o nubeiro, lingua loumiñeira que lambe a faciana do pobo aterecido, reunido en arelante procesión ao pé da montaña.
Grilos e carricantas redobran o chifre e, na ardencia, tanxen vellos himnos marciais. Un refacho de estorniños suca o horizonte da Ulla e o seu rebumbio abelloado arremeda o redobre dun tamboril.
De súpeto, a natureza enmudece. Abátense da carroza os ladrais e unha camba de sete cores e chanzos relanzados acada a cimeira do monte. O arrecedendo dos chuchameles condénsase en cada meixela esbagoada. Amortecido o latexo, contido o alento, o mundo arróubase para mellor comungar dos prodixios.
Distinguidos fillos de Ith, netos de Breogán, bisnetos de Brath, tataranetos de Mil; feroces nautas do mar céltico fronte aos cantís de Carnota, seareiros devotos do hospedeiro Berobreo, nas fisterras de Donón; alfandegueiros eternos dos milladoiros da Capelada; vixías alerta nas expostas costoias do Tegra e do Aloia; vedoiros corvos druídas, estandartes do nemetón Pico Sacro, aquí e agora; poldros bravíos da grea de Epona, ceibos coma o vento que rincha no alto Seixo. Confrades das sete montañas sagradas:
Velaí!, velaí, nosa senhor fremosa coroada co diadema de xesta e fiúncho, distinguida co cetro de pau-teixo e o anel de betilo. Velaí, a raíña Loba, altísima Lupa, relocente Deusa Nai, señora do castro Lupario.
Un feixe de estrelas fatuas rabuña o firmamento. A belísima dama do Monte apea do estribo e vai descendo, paseniño, polo arco de esqueira, arrastrando un longo veo de néboa coma abalo da marea. Co pé en terra, percorre con mirar gaioleiro a concorrencia, acende un sorriso, abaixa lenemente a cabeza en sinal de reverencia, arrecompón a aba do saiote, arregaza a estola, encrespa un guecho e pousa a súa melindrosa dignidade nunhas xamúas.
E dende o inxel podio de privilexio, con verba afagadora así lles fala aos presentes:
Benia a vós, xentes da Galiza, roseiras brancas, belidos caraveis. Benia a vós, galegos e galegas, nados nos 3.792 confíns do país do sol poñente. Benia a vós, que oístes a chamada de cornos e buxeiros. Benia a vós, que erguestes a mirada, pousastes a canga e aviastes o fardel, para vir tomar beizón nesta aperta asemblearia.
Mírovos en fite para os ollos e albisco neles a xinea ardente que vos devancea, a avantaxada estirpe que vos escolleu entre os escolleitos. Os vosos corazóns arborados burbullan seiva de heroes e de mártires e nos aneis das vosas pólas magoadas enxergo a cerna nobre na que estades labrados.
Podo, sen dificultade, nomear, un a un, os chegados das terras quentes, curtidos polo esgrevio vendaval, e, entre eles, os nuncios dos calaicos, dos brácaros, dos nemetates, querquenos, límicos, elenos, ártodos e tamacanos.
Podo, sen abafo, identificar, unha a unha, as tribos do abrente, ameladas coa primeira luz do día, e, na turma, os mensaxeiros dos tríboros, dos guigurros, dos lanquiatos, lugóns, orniacos, ámmacos, bésicos e betonios.
Podo, sen atranco, recoñecer, un a un, os heraldos do Ártabro, luídos a contrafío polo océano primordial, e, entre eles, os embaixadores dos quelenos, dos lemavos, dos albións, brigantios, namarinos, nerios, barbantes e os metacios, os montañeses da marca, gardiáns da soleira de Portalén.
Miñas donas ardidas, meus señores afoutos, bícarvos hei as feridas gañadas nesta longa loita sen tregua. Recibide o conforto da saudosa raíña que vive recluída no celme dos vosos corazóns bos e xenerosos, malia padecer a aldraxe dos que a fan sentir allea, vivindo en terra propia.
Sabedes coma min, meus lobos de raza, que os tempos de gloria, entoados polos bardos e proclamados polos profetas, non dan chegado. Sabedes coma min que lonxe da redención, os voitres da podremia seguen velando a nosa agonía, pois, coma larvas da morte son, cebadas co noso decaemento, lardeiras da nosa parálise.
A nosa terra, outrora proa e rompente, vémola hoxe mirrada e fusca por mor dunha doenza estraña, podente feitizaría que verteu tangaraño no noso sangue arroiado.
E por designio ruín, acometeunos un ramo de loucura. Desbaldimos a habenza común. Batuxamos na esterqueira colonizada. Trocamos a humildosa liberdade polo ouro das alxemas; o destino, lampo e espido, polo engado da camisa de forza. O arguto chalán cinguiulle a cadea á nosa vaca nutricia e nós, e entre nós, releamos pola chave do ferrollo.
Dígovos, si, que o mal que nos devasta se afortala na intransixente incomprensión dos de fóra, mais, se orixina na falta de entendemento dos de dentro.
Pico Sagro, Pico Sagro, sándame este mal que eu traio.
Reaxide miñas fideis amazonas, meus leais cabaleiros; reaxide e facede reaxir os que refugaron a congostra pedrallenta, escollendo a verea da mansedume. Apartade o grau da palla. Peneirade a fariña. Sinalade os comenenciudos que se venden ao inimigo polo caldiño da va ostentación.
Afiade os coitelos da intelixencia, brunide os escudos da fortaleza, untade as vosas coirazas co sebo da honestidade, para que as nosas armas incruentas volvan rebrillar e o seu refolguexo espellado esconxure de vez a mala fada.
Irmáns e irmás na fala e no sentimento; quixera eu agasallarvos neste día feliz, nesta hora ditosa, con colares de arrecendo e grilandas rechoridas, quixera eu unxirvos cos óleos da vitoria longamente perseguida; quixera eu rechouchiar con voz de xílgaro os resaibos da nosa gloria pasada...
Mais, non estou aquí para aledarvos os ouvidos, non acudín para endozarvos o padal. Antes ben, transmitirvos o oráculo murmurado polas pedras canda o fatídico Medulio; recrutarvos novamente, para que tornedes con azos confiantes ao combate dos días.
Non ousedes fraquear, meus galegos e galegas; non desistades. A insania adoecida apéstanos as agras, vérganos as selvas, sécanos os ríos, envelénanos o mar, fura e trípanos os montes, desterra a mocidade, imponlles duros acentos ás crianzas e fai escarnio e mofa das reliquias. Eis as razóns certas da anemia que nos balda.
Pregoade con voz de trono que vós sodes os donos desta terra, os seus lexítimos vinculeiros. Abride os camiños empecidos, marcade os carballos da casa, botade as redes nas pesqueiras, alindade o gando nos seidoiros e apercibide as camadas novas, pois son herdeiras dun carísimo tesouro. Un torque-xugo de ouro que enfeita os pescozos dos que puxan con dignidade da honrosa carga da tradición, porque imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte.
Ouveade agudo e sostido. Non hai imperio que abata os nosos marcos, non hai lei inxusta que enmudeza os nosos presos nos cárceres de lonxe, non hai dogma que nos impida contar a nosa historia ao noso xeito; non hai bastarda autoridade que impida os nosos fillos aprenderen na nosa lingua para expresar os misterios do universo; non existen grillóns para quen devece a liberdade.
Xamais nunca adormecerán as sentinelas e sempre, sempre haberá quen manteña outo e aceso o facho incandescente da galeguidade. Mentres haxa pobo, eu, raíña Lupa, doncela eterna do Montesagro, permanecerei ao voso carón, ensoñada, revivida, anovada, pois é a vosa fe a que alimenta a miña esperanza.
Viva Galiza ceibe!!
..
.
↧
Presentación en Pontevedra do libro "A conxura dos Gosende" (Ed. Morgante) - Galería Sargadelos, 24-7-2015
↧
↧
CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN FIGUEIROA (CERDEDO)
↧
UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( I ) - Faro de Vigo (2-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Retrato de Otero Espasandín da autoría de Ana Santiso
..
.
Xosé Roxelio Otero Espasandín, mestre e poeta, fillo de labregos, naceu na parroquia cerdedense de Santa Baia de Castro, lugar de Castro do Medio, en novembro de 1900. Amén da súa obra poética e xornalística en galego, é autor, en castelán, de máis dunha trintena de libros de divulgación histórica e científica, elaborados, boa parte, durante a súa estadía bonaerense. O pintor e escritor Luís Seoane, camarada na diáspora, exclamaría: realizó en seis o siete años una labor enciclopédica sin igual.
Intelectual comprometido coa educación, a liberdade e a democracia, viuse obrigado a fuxir dunha España esgazada polas poutas do fascismo. Padeceu a condición de refuxiado no campo francés de Saint-Cyprien (1939) e o posterior exilio en Inglaterra (1939-41), Arxentina (1941-47) e Estados Unidos. Otero Espasandín, que non voltaría a Galiza, faleceu en Washington o 15 de outubro de 1987, após unha vida entregada ao estudo e á docencia. Vállanos de laudatio esta colección de retallos de prensa (1921-1929) cos que rememoramos apenas os seus anos mozos, os seus “enrabechados”, vertixinosos, esperanzados e “felices” anos vinte.
No xornal santiagués El Compostelano do 13 de abril de 1921 (páx. 3), baixo o titular “Maestros y estudiantes normalistas”, atopamos a Otero Espasandín, estudante de Maxisterio, asumindo o cargo de vicepresidente da xunta directiva da Asociación de Maestros y Estudiantes Normalistas.
O 19 de abril de 1921, a mesma cabeceira (en portada) e baixo o titular “En la Normal”, informa: La última conferencia de Ciencias en la Escuela Normal de esta ciudad, estuvo a cargo del alumno de cuarto curso don José Rogelio Otero Espasandín, disertando sobre el tema “Estudio físico-químico del aire”. Expuso, acertadamente, los cuerpos que forman dicha mezcla, los procedimientos que en el laboratorio se emplean para separarlos y la acción que cada uno de ellos ejerce en la materia, y especialmente sobre los seres vivos. Hizo un detenido estudio físico del aire explicando la causa de la presión, meteoros aéreos y fenómenos ópticos que se producen en la atmósfera.
A súa disertación deu pé a un debate entre o alumnado asistente que dirimiron os profesores Tello e Sáenz Morilla, titulares de Química e Matemáticas, respectivamente.
El Compostelano do 17 de maio de 1921 (páx. 2), baixo o titular “En la Normal. Una gran fiesta literario-musical”, ofrece a crónica do acto que a Asociación de Maestros e Normalistas celebrou co gallo do remate do curso académico. Tras o discurso inicial, a cargo do presidente da entidade, sucédense lecturas de textos literarios, actuacións musicais e outras intervencións. O profesor de Matemáticas, Sáenz Morilla, aconseja a todos que estudien con afán, pero sin dedicarse a especialidades, porque cree que el maestro debe ser una enciclopedia, para lo que tendrá que saber de todo.Otero Espasandín aproveita a súa quenda para ler os versos doutro insigne mestre e poeta, José Mª Gabriel y Galán (1870-1905), en concreto, o poema titulado “El ama”: Yo aprendí en el hogar en qué se funda la dicha más perfecta, y para hacerla mía quise yo ser como mi padre era y busqué una mujer como mi madre entre las hijas de mi hidalga tierra...
En El Compostelano do 1 de xuño de 1921 (en portada), baixo o titular “De Instrucción pública”, consta que José Otero Espasandín vén de finalizar os seus estudos na Escola Normal de Mestres de Santiago.
Ao pouco, ingresa no exército para cumprir o servizo militar (3 anos). Integrando o Batallón Expedicionario do Rexemento “Zaragoza”, é destinado ao norte de África. María Cuquejo Enríquez (Xosé Otero Espasandín. Obra galega, 2006), engade: por mor da desfeita de Annual (xullo de 1921), é mobilizado a Melilla, neste mesmo ano [...] En terras africanas coincide con Rafael Dieste, Amado Villar e mais Brea Segade e xuntos faranlle fronte a un destino duro tanto pola guerra como polos rigores do deserto.
El Compostelano do 16 de xuño de 1922 reproduce, en portada, un artigo de Otero Espasandín titulado “Bar Cosmopolita. Escenas de campaña”, asinado en Ras Medua o 5 de xuño. A desfeita de Annual acontece un ano antes, nas fatídicas xornadas do 22 e 23 de xullo de 1921. Os poboados de Ras Medua reconquistaríanse o 21 de novembro, catro meses despois.
No sobredito artigo, o de Cerdedo comparte a súa experiencia forzosa no conflito colonial español: Diré que el Bar Cosmopolita es, en síntesis, una especie de chabola en mucho inferior a una tienda de pulpo en una feria de cabeza de partido. Atendiendo al material de construcción, podemos dividirlo en dos partes. Forman la primera unos cuantos pedazos de puertas viejas colocados de punta y, asegurándolos, otros colocados horizontalmente sobre ellos y que, sumados a unas planchas alabeadas de zinc, forman el techo. Unos cuantos sacos deshechos, a los que sirven de soporte unos palos de pita, componen la segunda parte, más pintoresca, porque desde ella podemos contemplar una puesta de sol o el parpadeo de las estrellas...
Malia o contexto, na baiuca “Cosmopolita”, os recrutas galegos armaban animada e señardosa tertulia literaria. Naquel ermo, Otero Espasandín e Dieste, cerdedense e rianxeiro, fan agromar unha longa e incondicional amizade: Llegan juntos Cambeiro y Dieste. Éste hace unos símiles sutilísimos en el curso de su amena charla. Es el poeta aticista; siéntase a mi lado y hablamos extensamente de Valle Inclán, Oscar Wilde, Maeterlinck, Bernard Shaw, Unamuno, Carrere [...] Otros muchos entran y salen a menudo hasta que, recia y clara, una corneta nos anuncia un plato de rancho [...] A eso de las diez, un toque prolongado acallará las algazaras de los que en el campamento bailan muiñeiras al son de una gaita meiga y nostálgica...
No ano 23, Otero Espasandín, Dieste, Amado Villar e Brea Segade tornan ilesos do Rif. O xornal coruñés El Ideal Gallego do 20 de novembro de 1923 (páx. 3), na sección “Ecos compostelanos”, informa: En la “Casa de las Crechas” anoche, convocados por el director de la “Hoja Literaria” de Faro de Vigo, señor Posada Curros, se han reunido los colaboradores de ella, señores Cotarelo, Remiñán, Fuentes Jorge, Maside, Amado Villar, Otero Espasandín, Barrón y los cofrades de “La Buena Armonía”, señores Lema (don Manuel J.), López (don Antonio), Asorey, Fernández González, Rey Alvite y el dramaturgo San Luis, para festejar con una cena íntima el primer mes de la publicación de dicha Hoja.
O poeta Amado Villar (Villavril) dirixirá as páxinas literarias do Faro, arrequecidas coas colaboracións, entre outros, de Otero Espasandín.
O xornal vigués El Pueblo Gallego do 29 de xaneiro de 1924 (páx. 6), na sección “Ecos compostelanos”, publica: A partir del día 1 de febrero comenzará a prestar sus servicios, en el acreditado Colegio del Ave María de Santa Eugenia de Riveira, nuestro especial amigo el joven escritor y maestro nacional D. José Otero Espasandín que desde esta misma fecha será también colaborador de “El Pueblo Gallego” en aquella localidad. Plácenos mucho que Otero Espasandín, muchacho de vasta cultura y espíritu agudo, vaya ocupar un puesto tan importante como el que se le ofrece en Riveira...
Otero Espasandín, canda Dieste, porá escola no Pósito de Pescadores de Ribeira. Xosé Mª Brea Segade fará o propio no de Rianxo. Segundo anota Dionísio Pereira (Paisaxe vital de X. Otero Espasandín con Castro ao lonxe, 2012), o de Cerdedo compaxinará as tarefas docentes no pósito coas de mestre de Matemáticas no colexio privado “Ave María”.
O xornal El Compostelano do 21 de febreiro de 1924 (páx. 3) saúda a presenza de Otero Espasandín en Santiago.
O xornal vigués Galicia do 22 de febreiro de 1924 (páx. 2), na sección “Santiago” (notas culturais), farase eco da presenza de Otero Espasandín nesta cidade.
Continuará...
Faro de Vigo-Terra de Montes (2-8-2015).
..
.
↧
ARMANDO REQUEIXO fala do libro "A CONXURA DOS GOSENDE" no programa "RADIOCRÍTICA"
↧
ESTRAGOS NA CARBALLEIRA DE MEILIDE (CERDEDO)
.
.
.
.
.
.
.
.
Capitán Gosende denuncia a destrución da corredoira dos Barreiros
.
.
.
.
.
.
A congostra dos Barreiros hai uns anos.
..
.
A congostra dos Barreiros hai uns días.
. .
.
Capitán Gosende denuncia a destrución da corredoira dos Barreiros
O día 22 de xullo, membros do colectivo Capitán Gosende inspeccionaron as obras da chamada traída de augas de Cerdedo. Derivando a auga do río do Seixo no seu curso alto, a canalización ten por obxectivo fornecer o lugar de Cerdedo e só a Cerdedo.
O río do Seixo é afluente do río do Castro (ou do Pegho) e este, tributario do Lérez. Dos ríos que sucan a parroquia de Cerdedo, o Seixo era o único que se mantiña incólume, pois tanto o Castro coma o Lérez ven pexados os seus leitos con senllos encoros, destinados á produción de enerxía eléctrica.
Capitán Gosende mostrou dende o comezo a súa frontal oposición á execución do proxecto de captación de auga no Seixo (uns 4 km de canalización) por entender que, amais de afectar unha zona de alto valor ecolóxico (Rede Natura 2000 e Rede Galega de Espazos Protexidos), o investimento económico (máis dun millón de euros) apenas beneficiaría os trescentoshabitantes da capital, en detrimento, por exemplo, dos malfadados veciños de Meilide, por cuxos predios atravesa a tubaxe. O vello dito “Cerdedo non é nada sen a súa parroquia” volve confirmarse.
A maiores, como se comproba nas fotografías do antes e do agora, o emprego dos camiños públicos para o soterramento do entubado está provocando unha severa alteración do patrimonio e da paisaxe. O colectivo Capitán Gosende sospeita que, amais da destrución do antigo enlousado de pedra, os operarios da empresa adxudicataria abandonarán a carballeira de Meilide sen recompoñer ningún dos valados tradicionais de cachote (hoxe, cascalleira) que derregaban a fermosa corredoira dos Barreiros. En Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade cualificaba o proxecto de “absolutamente respetuoso”; respectuoso, claro está, cos seus intereses.
Os de Meilide, amais de padecer en silencio os atrancos e desfeitas, veranse privados do seu histórico dereito sobre a auga do río do Seixo. Para entendérmonos, só o despoboamento, o absentismo e a conseguinte inacción dos lugares de Meilide e Cavenca permiten que tal actuación se leve a termo. Se nas agras de Meilide e Cavenca verdease o millo, non habería quen se atrevese a ordenar tal despropósito.
Non hai tanto, Meilide e Cavenca servíanse da auga do Seixo, conducida dende tempo inmemorial a través de dúas levadas: a presa Grande e a presa de Cavenca, respectivamente. No lugar de Pedraboa pódese observar a tal “pedra boa”, a marca de nivel que repartía unha parte do caudal do río para beneficio de ambas as dúas aldeas. Os usos e costumes de Meilide e Cavenca vense daquela conculcados coa captación de auga alén do pozo Sangoento. A presa de Cavenca aínda cumpre a a súa función, pola contra, a presa Grande de Meilide precisa dunha reparación integral para que volva ser o que foi.
Se en Meilide e Cavenca houbese regantes, se houbese terra de labor que fertilizar, se houbese veciños dedicados á agricultura, isto non pasaría. O cancro deste territorio é o despoboamento, porque a ausencia de presión veciñal propicia os desmandos dunha autoridade desnortada.
Non hai volta atrás. Con esta decisión dificultarase que, en Meilide e Cavenca, propietarios e arrendatarios poidan, se for o seu desexo, pór de novo a terra a producir, xa que non chove como chovía e a cunca do Seixo experimenta un declive hídrico notábel nas épocas de escaseza de chuvias. Se no futuro alguén decide labrar no terrón, verase obrigado a loitar de novo polos consuetudinarios dereitos de rega. Os comuneiros de Meilide (presentes e futuros) cangan dende agora coa servidume da traída de augas de Cerdedo en troco de contrapartida ningunha.
Moito nos tememos que no verán, coa seca pertinaz e coa traída de Cerdedo en funcionamento, non se respectará, cando menos, o caudal ecolóxico do río do Seixo. A trampa que permitiu a captación de auga baséase en que este río non é afluente directo do Lérez, ocultando que o Seixo verte no Castro apenas a 500 m da desembocadura do Castro no Lérez. As leis para quen as entenda.
Primeiro ceibamos alevíns no Seixo para saír na foto e despois, sen fotógrafos, deixamos que as troitas morran nun leito seco. Gabámonos pola proeza de limpar o camiño de Cavenca á Cavadosa, mentres, sen rubor, escachizamos sen remedio a outra beira. Dado que os labores de desbroce e as obras da traída se anunciaron a un tempo, é evidente que o acondicionamento da senda ribeirá cumpría unha función de cortina de fume. Constante actitude bipolar.
O Concello ben podía seguir subministrándolles auga aos veciños do lugar de Cerdedo a través da captación existente no río Lérez. Este recurso, coas melloras necesarias, debera ser abondo, posto que os valores demográficos son, por desgraza, recesivos. Mais, a triste realidade é que o caudal do Lérez está supeditado á peaxe imposta por unha central hidroeléctrica cuxa instalación gozou, no pasado, do visto e prace dos gobernantes locais. A ausencia dun proxecto de futuro sumiu Cerdedo nunha decadencia insoportábel.
No devandito artigo de Faro de Vigo (28-10-14), a autoridade recoñecía que: en estos momentos el núcleo cerdedense se abastece por gravedad del canal de derivación de un aprovechamiento hidroeléctrico existente en el curso del río Lérez. El agua de este canal está sujeta a los regímenes de turbinas de la central.Así e todo, lembremos que o artigo 60 da Ley de Aguas (BOE, 24-7-2001) prioriza o abastecemento das poboacións, os regadíos e os usos agrarios fronte aos usos industriais para a produción de enerxía eléctrica.
Hipotecados os ríos Lérez e Castro, a submisión aos intereses das hidroléctricas empurraron a autoridade a escarallar agora o río do Seixo. Desbarate de cartos públicos e política de terra queimada.
.
.
.
↧
↧
Presentación en Cerdedo de "EL HUMO DEL DIABLO" de FERNANDO SALGADO (1-8-2015)
↧
"A CONXURA DOS GOSENDE" en "BIBLOS. CLUBE DE LECTORES"
↧
RETRINCOS DA INTRAHISTORIA DE CERDEDO (Ed. MORGANTE)
↧
CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN FONDÓS (Quireza-Cerdedo)
↧
↧
UN OTERO ESPASANDÍN VINTE ANOS ( II ) - Faro de Vigo (9-8-2015)
↧
UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( III ) - Faro de Vigo (17-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
Retrato de Otero Espasandín da autoría de Luís Seoane.
..
Nado en Cerdedo en 1900, Otero Espasandín encarna nos anos vinte o pulo renovador da poesía galega e os valores da educación progresista.
.
En El Pueblo Gallego do 19 de xuño de 1927 (páx. 11), a caron dun “bosquexo” de Maside, atopamos un poema en galego de Otero Espasandín que, dedicado ao piloto F. Sendón, debera integrar o seu poemario Alfabeto (inédito e sempre inconcluso). Eis a primeira estrofa: O corazón da proa treme(n)nos hourizontes / (Ti, sereo, agardabas o bautizo do mar) / E apertaron os brazos en coiros das olas / cobizosas, o peito do navío queimado pol-o sal. De novo, o resaibo manuelantoniano é indiscutíbel. O poema volverá publicarse en Eco de Galicia (A Habana) o Día da Patria de 1934.
En El Pueblo Gallego do 24 de xullo de 1927 (páx. 2), Otero Espasandín publica o poema “Campanario d’aldea”, dedicado a Paco Luís (o poeta Francisco Luís Bernárdez): Campanario d’aldea / no que frorecen os novos días, / no teu reló de sol aniñan / as 33 palomas do medio día / e nos teus gomos engarabitados / tecen teas d’araña as anduriñas...
El Pueblo Gallego do 18 de agosto de 1927 publica (en portada) a reseña que Otero Espasandín lle fai ao poemario Proel, da autoría do pontevedrés Amado Carballo, (1901-3 de setembro de 1927). Velaquí uns parágrafos:
A moitas persoas ‒unhas de boa outras de mala fe‒lles ouvía decil-o mesmo dos poetas novos: Os poetas novos todos se asemellan. Este dito pode pasar se descartamol-a mala fe.
Porque a poesía nova, na súa cobiza de se recoller aos seus propios dominios, fuxe das mixtificaciós car’o estilo puro. E pra diferenciar, pra extremal-os estilos precísase cultura literaria, a agudeza e, máis que nada, un ánimo limpo [...] O que lea con ledicia a Jules Supervielle ou a Paul Valéry, poñamos por caso, sinte ao ler a Rosalía ‒poñamos por caso tamén‒como s’entrara n’alcoba dun matrimonio. Máis recatado, o poeta d’hoxe deix’a a súa vida detrás da porta ao saír ao agro do poema.
...Porque ‒digamol-o agora‒este libro é coma unha ponte entre dúas ribeiras. Millor é un viaxe d’unha ribeir’a outra ribeira. O leutor, sin se decatar case, pasa co-él da lírica galega domiñante astra hoxe a outra lírica acorde coa modalidade da lírica europea.
...Hoxe ou mañán que se queira falar da literatura galega, este libriño, tan mermado de follas, aconsellará o historiador que, co-él a cabeza, comece un novo capítulo.
En El Pueblo Gallego do 21 de agosto de 1927 (páx. 9), Otero Espasandín publica outra peza para o poemario Alfabeto, dedicada ao poeta Emilio Mosteiro: Paseo as miñas cábalas / baixo á-lgoritmia das estrelas / coas que Deus / pranteou o probrema derradeiro. / (Ecuación irresoluble / en números enteiros)...
El Pueblo Gallego do 1 de setembro de 1927, na sección “Compostela al día” (páx. 11), informa que Otero Espasandín, “joven escritor galleguista”, está pasando uns días na vila santiaguesa: De ésta, saldrá para Riveira en donde reside.
No nº 46 da revista Nós (15 de outubro de 1927, páx. 1), Otero Espasandín publica outro poema para Alfabeto, dedicado ao prehistoriador Florentino L. Cuevillas: Dos soutos da noite / caen os ourizos das estrelas / o releeren os ventos outonizos / as follas das fenestras...
En El Pueblo Gallego do 26 de outubro de 1927 (páx. 11), baixo os titulares: “La enseñanza y los maestros” (grandes caracteres), “Un llamamiento” e “A los maestros de la nueva era”, lemos:
...¡Cuánta emoción encierra para nosotros esa palabra: nueva o nuevo! ¡Escuela nueva! ¡Maestro nuevo! ¡Educación nueva! ¿Pero, es que existen una educación nueva y un maestro nuevo? Sí, existen.
...esos maestros que besan la mano a todo el mundo [...] esos maestros cuyas escuelas todavía destilan la húmeda y medieval enseñanza dogmatista, con el estudio a coro y los movimientos a toque de vara sobre la mesa [...] No es en tales maestros donde buscaremos precisamente las fuentes de nuestra inspiración, antes, por el contrario, los combatiremos...
...Maestros nuevos son aquéllos que tienen conciencia de la importancia social de su misión y de su responsabilidad como educadores; que no inclinan jamás la cabeza, sino que la levantan con naturalidad; que no adulan, sino que justiprecian; que no aplauden, sino que comprenden.
...Vengan los Fernández Casas, los Salgado Toimil, los Castro Pena, los López Varela, los Casabella Pernas, los Magariños Granda; los Mato Castro, los Fraiz Villanueva, los Otero Espasandín [...]Vengan a elevar el concepto de la educación, para que así se eleve el del educador.
E, nove anos antes do golpe de Estado fascista que precedería a guerra, a represión e a imposición do nacionalcatolicismo, o editorial do xornal remata: ¿Hai realmente maestros nuevos en Galicia? Pronto lo sabremos.
Tras a sublevación de xullo do 36, os mestres Rafael Fernández Casas, Bernardo Mato Castro e Vítor Fraiz Villanueva foron asasinados. Aos mestres Laurentino Castro Pena, Fermín López Varela e Francisco Magariños Granda abríronselles expedientes de depuración. O mestre Otero Espasandín padeceu o exilio.
En El Pueblo Gallego do 1 de decembro de 1927 (páx. 1), Antón Vilar Ponte (1881-1936), ideólogo das Irmandades da Fala, asina un artigo titulado “La importancia de llamarse Ramón”. Na dita colaboración, o de Viveiro contrarresta o “ramonismo” de Gómez de la Serna co “donramonismo” de Valle Inclán. E engade: Pero tenemos otros Ramones de notorio relieve en la orden de la galleguidad: el poeta Cabanillas, el polígrafo Otero Pedrayo, el literato Fernández Mato, el cronista Gil Andrade, el avangardista Otero Espasandín, el publicista Villar Ponte (irmán do asinante), el gran energético Suárez Picallo... A mención é ben merecida, mais, é evidente o lapso de Vilar Ponte, posto que, os apelidos Otero Espasandín precédense dos nomes Xosé e Roxelio.
El Pueblo Gallego do 12 de febreiro de 1928, na seción “Compostela al día” (páx. 9), informa que “el escritor” Otero Espasandín está a pasar uns días na capital da Galiza.
No nº 50 da revista Nós (15 de febreiro de 1928, páx. 1), Otero Espasandín publica, baixo o título “Poemas”, os versos: Carreteira da serra: / creboute a penedía, / n’un espasmo de forza, / contr’a fe das estrelas... Destinado a integrar o libro Alfabeto, o poema reproducirase no nº 1 de Galiza (1930) e mais en Eco de Galicia (A Habana) do 17 de setembro de 1930.
El Pueblo Gallego do 3 de marzo de 1928, na seción “Compostela al día” (páx. 10), informa: Esta noche será obsequiado con una cena por sus amigos el poeta Otero Espasandín que se halla pasando una temporada en Compostela. La cena se celebrará en el Bar Vino, a las diez de la noche.
El Pueblo Gallego do 9 de marzo de 1928, na sección “Crisol” (páx. 8), Johan Carballeira (1902-1937) publica unha reseña do libro Versos con sol y pájaros, do poeta Amado Villar (1899-1954). Johan Carballeira encomia o pulo innovador do poemario: Pero vengamos a Amado Villar nuestro viejo joven amigo, el mismo que aquí, en nuestra tierra, contribuyó con los cohetes de su europeísmo a agujerear un poco el aire bovino que nos envolvía.
A carón de Amado Villar, na nómina de poetas innovadores, J. Carballeira enumera, entre outros, os seguintes: Amado Carballo, Euxenio Montes, Manuel Antonio, Correa Calderón, Vidal Martínez, Augusto Casas, Dieste, Bouza Brey, Blanco Amor e Otero Espasandín: Aguardamos ese “Alfabeto” del admirable Otero Espasandín.
Continuará...
.
.
.
↧
CERDEDO: 80 ANOS TRIUNFAIS
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Fonte inaugurada en Cerdedo durante a ditadura
. .
Abriuse a veda do voto e, en Cerdedo, aqueles aos que lles vai a vida nisto andan un chisco abelloados. Hai uns días, porta a porta e con dilixencia, foron distribuídos os exemplares dun panfleto intitulado “2005-2015: 10 anos de goberno”, outro alarde propagandístico que, encargado polos estrategas locais do partido da Gürtel, pagouse, madía leva!, cos cartiños de todos. Con pólvora allea calquera fai festa.
É unha mágoa que tanto a primeira fotonovela (de 2014) como a segunda (máis carghada de bombo) non rexistren o nome do obradoiro de artes gráficas onde foron editadas, xa que, en prol da transparencia, moito conviría unha consulta para saber a canto ascendeu a voda e a revoda. Suponse que o importe ha figurar no libro de contas do Concello (probabelmente, no apartado “Outros gastos”); por desgraza, en Cerdedo non hai oposición que, anque sexa por dignidade, bote as mans á cabeza.
Estamos ás portas de que se cumpra o octoxésimo aniversario do triunfo da dereita en Cerdedo. O último alcalde de esquerdas, o socialista Luciano García Ventín, foi desposuído do seu cargo, perseguido, encarcerado, aldraxado e extorsionado, tras o golpe de Estado fascista de xullo de 1936. O seu sobriño, Ramiro Lois Ventín, canda outros catros membros da mesma familia, todos socialistas, foron fusilados en decembro do ano fatídico. Cunha morea de mortos clamando xustiza, a deriva ideolóxica do PSOE, aquí e acolá, é cousa inadmisíbel. A parroquia nacionalista tamén viviu épocas mellores.
Despois de anos de reiteradas e folgadas maiorías, o Sogro, que foi un dos mandatarios máis lonxevos do mundo mundial (1974-2004), despedíase na prensa afirmando con oufanía que a súa mellor obra fora a remodelación da Casa do Concello. Tempo tivo de reformar o castelo. Aplicando a consigna “Todo atado y bien atado”, acaeceu en Cerdedo o nepótico relevo no poder. Dende as municipais de 2007, o salón de plenos, presidido por oXenro, vén sendo escenario de malleiras do tipo 10-0. Ben, sexamos xustos, 10-1, pois, as boas tundas aínda son mellores se se adornan co gol da honra. Contan os que o viron que é todo un espectáculo de ensaiada coreografía ver os dez braciños erguerse ao unísono.
Segundo o censo de poboación de 1940 (fonte: INE), o número de habitantes de Cerdedo ascendía a 5.211 (2.101 varóns e 3.110 mulleres). Consonte o censo de poboación de 2014 (fonte: INE), a optimista cifra de cerdedenses acadaba os 1.860 (784 teñen máis de 64 anos de idade (fonte: IGE)). A aplicación, durante décadas, da mesma política (“piche e puntos de luz”), auspiciada por unha intricada arañeira clientelar, deu como resultado unha catástrofe demográfica explicitada na perda de 3.351 habitantes. Non se deixen enganar, Cerdedo non é un concello pequeno, é un concello despoboado.
Sospéitase que nos vindeiros comicios, o panorama sexa susceptíbel de empeorar, porque, ao parecer, non hai en Cerdedo quen dea un paso á fronte e ofreza unha alternativa (por non haber, non hai nin quen ouse erguer a voz). Outra impúdica goleada, e semanas atrás, días ao cabo.
Agora ben, con todo o peixe vendido, como se explica a onerosa necesidade de autoafirmación mostrada pola autoridade na súa arroutada editorial?
A nova entrega da serie “Vida e milagres” semella un álbum Panini de 86 páxinas a toda cor (e mais capa e contracapa). Escusan andar na procura dos cromos ou perder o tempo en trocar os repetidos, porque a colección xa vén completa. Aínda así, mellor sería que o caderno fose mudo, porque, no tocante ao estilo (reseso) e á ortografía (deficiente), o autor é digno candidato, xa non á convocatoria de maio, senón á de setembro. Máis de 100 erros ortográficos en apenas 5 páxinas de texto!!!
Na páxina 2, a dúas columnas, principia o que, comunmente, se denomina “Saúda”. Conmóvenos o exceso de sentimentalismo dos primeiros parágrafos, confésolles que a min tamén se me humedeceron os ollos; mais, cómpre ler entre liñas. Cando a autoridade di, de xeito redundante: “Lémbrome claramente do apoio de cada un dos veciños que naquel día quixestes mostrarme o voso apoio...”, quere dicir, como se comprobará, que tamén se lembra de cada un dos veciños que non lle renderon preitesía.
Chegados ao remate da páxina 3, se lles solicitase aos meus alumnos de literatura que escribisen o tema do relato, decantaríanse abofé por “Excusatio non petita, accusatio manifesta”.
Concordo plenamente co expresado pola autoridade no comezo da páxina 4: “Tampouco podemos obviar que, estes últimos anos, tocounos vivir a que está considerada como a maior crise da democracia deste país”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro: os anos de goberno do plenipotenciario partido da Gürtel minaron de tal xeito os fundamentos democráticos que, tras a pérfida reforma laboral, a sectaria reforma educativa, a privatización da sanidade, o desmantelamento dos servizos sociais, a lei mordaza e a enxurrada de corrupción e ladroízo, un xa non sabe se reside nun país do primeiro mundo ou nunha república bananeira (mellor, eucalipteira). Descoñezo as consecuencias que, para as aspiracións políticas da autoridade cerdedense, poida ocasionar este lapso de sinceridade subversiva.
No tocante á estrita austeridade imposta dende fóra, á vista das publicacións que pagamos todos para enxalce da súa maxestade, axiña se conclúe que sempre hai cartos para o que convén.
Moito se laia a autoridade da desaparecida “comedela do xabarín”, esquecendo a pioneira “Festa da Vincha”, loábel iniciativa veciñal, que foi raposeiramente asfixiada porque non lle producía réditos electorais. Se a tolerancia fose unha das súas virtudes, a Festa da Vincha, celebraría este ano a súa XV edición. A axuda económica que recibía do Concello (cando a recibía) era duns 600 euros, ridícula, se a cotexamos cos 70.000 euros destinados a financiar cada lupanda do porco bravo. Ambas as dúas, ao seu xeito, axudaban a situar este recuncho de Terra de Montes. A Festa do Xabarín, a maiores, solicitaba o voto a cambio dun prato de comida.
Ao respecto dos agradecementos polos consellos e pola crítica construtiva, non hai de que.
O 2015 é ano profusamente electoreiro, xa que logo, fariamos ben en blindarnos da lexión de falabaratos que, sen deixar de mirarse para o embigo, porán a proba a nosa paciencia, prometendo coma nunca para incumprir coma sempre. Asistimos impávidos á macabra constatación da sistémica corrupción institucional. Doe presenciar a impunidade coa que manobran as redes gangsterís vinculadas ás maiorías absolutas. Pouca xustiza se pode agardar dun dinamitado Estado de dereito. Urxe rexeneración, mais, quen lle vai pór o axóuxere ao gato?
Neste tempo de xustificada indignación social, os servidores públicos, os que sostemos economicamente (a algúns por riba das súas posibilidades) para que xestionen asisadamente o que é de todos, deberan rexerse polo comedimento e a humildade; deberan deixar de dar tantos consellos e escoitar, de cando en cando, algún.
A situación terminalista de Cerdedo é cuspidiña á relatada na lenda “A cidade somerxida”, recollida por Leandro Carré Alvarellos (As lendas galegas tradizonaes, 1969). No relato, a Virxe vagabunda pregúntalle a unha paisana pola decadencia moral na que se some a cidade de Beria. A muller respóndelle: Porque ninguén quere se poñer a mal côs que rixen e mandan na vila; e uns porque s’arriquecen, e outros porque viven ledamente sen grandes traballos, vanse deixando iren. E os probes inda menos, que nada podemos facer contra dos máis podentes... E tódol-os bos vanse indo pra outras terras; e así a perdizón é maor a cada día. Tras escoitar as explicacións da vella, a Virxe toma a decisión de asolagar a cidade de Beria. Agardemos que a Nosa Señora de Fenosa non se lle dea por recuncar na idea de alagar a valiña.
E pasando nas follas do catálogo haxiográfico, atinximos á paxina 6, remate dunha longa introdución enchoupada de recorrente autobombo. O mellor agardaba por nós ao final, xa que o panexírico deriva en libelo.
Reitero o dito, os políticos deberan facer máis e falar menos (e escribir, a ser posíbel, nada). No penúltimo parágrafo, antecendendo os agradecementos e as apertas, froito dunha inopinada transformación jekyllhydeana (desculpen o palabro), aquela “boa persoa”, aquel “home responsable”, aquel que pedía “mil perdóns” e que facía “propósito cada día para non cometer erros nin causarlle prexuízo a ninguén”, carga desaforadamente contra os veciños que, segundo a súa opinión, “poñen paus nas rodas da evolución”, cualificándoos, ademais, de “irrelevantes”, “insolidarios”, “apenas dous ou tres, e case sempre os mesmos”, “xente que nin tan sequera está empadroada en Cerdedo”. Vindo dun alcalde, que aspira a seguir exercendo e cuxa obriga é garantir a convivencia, este exabrupto é absolutamente intolerábel e a vontade de publicalo, dunha pueril irresponsabilidade.
Reitero o dito, os políticos deberan facer máis e falar menos (e escribir, a ser posíbel, nada). No penúltimo parágrafo, antecendendo os agradecementos e as apertas, froito dunha inopinada transformación jekyllhydeana (desculpen o palabro), aquela “boa persoa”, aquel “home responsable”, aquel que pedía “mil perdóns” e que facía “propósito cada día para non cometer erros nin causarlle prexuízo a ninguén”, carga desaforadamente contra os veciños que, segundo a súa opinión, “poñen paus nas rodas da evolución”, cualificándoos, ademais, de “irrelevantes”, “insolidarios”, “apenas dous ou tres, e case sempre os mesmos”, “xente que nin tan sequera está empadroada en Cerdedo”. Vindo dun alcalde, que aspira a seguir exercendo e cuxa obriga é garantir a convivencia, este exabrupto é absolutamente intolerábel e a vontade de publicalo, dunha pueril irresponsabilidade.
Lémbrolle á autoridade que, mal que lle pese, seguimos vivindo en democracia e que, malia os recortes consumados polo seu partido, segue amparándonos a liberdade de expresión. É evidente que a autoridade dixire mal a crítica e esta doenza é consecuencia da falta de oposición. Vostede está acostumado a facer o que lle peta, sen atrancos, animado por unha lexión de interesados aduladores. Administrar a diverxencia e o descontento tamén vai no soldo. Cando se goberna con man de ferro, facer boa política é asunto desdeñábel. Sementar discordia non está entre as súas atribucións.
Invista toda a súa enerxía en sacar a Cerdedo do buraco no que o meteu e agradeza que haxa alguén que, de raro en raro, lle poña os pés na terra. A grandeza do bo gobernante reside na prudencia, na capacidade de consenso e en aceptar como positivo que non todo o mundo teña por costume ou necesidade facerlle as beiras.
Actúa vostede arroupado por unha maioría absoluta que, se ninguén o remedia, revalidará nas próximas eleccións; que máis quere?, bater algún récord de permanencia? Malo é non saber perder e pésimo non saber gañar. É consciente a autoridade de que os veciños, sinalados como díscolos e descastados, axudan a pagarlle o seu salario e, a maiores, queiran ou non, o seu pasquín.Ante todo, non perdamos a calma.
Gábase vostede na prensa pontevedresa das pelexas que hai en Cerdedo por figurar na listaxe electoral do partido da Gürtel. Se así fose, todos, sen escrúpulos, a cabalo gañador. Mais, de aquí a pouco, como non faga por estimular a demografía, a restra dos seus candidatos e o padrón municipal han ser a mesma cousa. De momento, Cerdedo perde dous concelleiros.
Créame cando lle digo que, por saúde democrática, a existencia do contrapunto, do debate, da confrontación de ideas é imprescindíbel para o progreso dos pobos. Xa que logo, evite fachendearse de que non ten rivais e laméntese de gobernar en soidade. Non hai nada máis perigoso ca o endeusamento e vostede xa revela algún que outro síntoma.
Lonxe queda aquela aspiración de converter Cerdedo nun concello dormitorio, o paraíso da segunda vivenda. Algo ten este territorio que escorrenta a xente de fóra e mais a de dentro. Non habendo solución, conformémonos pois coa figura, meritoria ou merecida, de concello tanatorio. Morrer hai que morrer.
Volvo ao seu arrebato narcisista e resumo, finalmente, o balance da súa década prodixiosa: 20 páxinas de piche, 5 de formigón, 3 páxinas de puntos de luz, 37 fontes, 17 lavadoiros e un lote de churrasqueiras. Sabendo que o uso da lavadora eléctrica se popularizou nos anos 60, sabendo que a auga da traída é tamén unha conquista do pasado, sabendo que a vaca se considera, en Cerdedo, fauna en extinción, sabendo que non hai nin xente, nin humor, nin cartos, nin permiso de queima, para facer grelladas, os seus investimentos son, cando menos, anacrónicos e reiteradamente desaxeitados. Así mesmo, as comunidades de montes deberan reflexionar sobre a pertinencia das obras que se executan co seu diñeiro.
A comisaria de Política Rexional da Unión Europea e a secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos (a súa correlixionaria) esixen “Menos cemento e máis coñecemento”; en Cerdedo, mallan en ferro frío.
Do timo do Sangal xa falei abondo. U-los postos de traballo? U-la parcela de monte comunal? No tocante á Escola Infantil e os parques de randeeiras, é triste realidade que en Cerdedo só figuren censados 32 nenos menores de 10 anos (fonte: IGE). Segundo imos comprobando, a redacción do catálogo dos bens culturais do recén-aprobado PXOM (que demorou unha década) semella que a fixo un can cos dentes. Na escolma dos “Ecos de prensa” aplicouse a censura. No capítulo “Promesas”, salientamos máis piche e, entre outras fantasmadas, a da “área recreativa” que, en ausencia sequera de proxecto, anúnciase botando man dos equipamentos de a saber onde. O papel ten conta do que lle poñen.
O concello de Cerdedo arrastra un problema que require urxente solución: a perda de poboación (a forza vital, a razón da súa existencia). Enfastía comprobar como, allea á realidade, a xestión municipal, moi dada á megalomanía, obcécase no ancheamento de estradas (infrautilizadas), na construción de avenidas, rotondas, viadutos, variantes... A burro morto cebada ao rabo. A campaña informativa “Máis en Cerdedo” de fomento do empadroamento é, a todas luces, ineficaz, porque non persegue os fins que enuncia, senón manter o status dunha autoridade que non predica co exemplo.
Ninguén lle discute o apoio popular, polo que tampouco se lle vai negar o mérito de levar apegado á poltrona dez anos. A maioría é quen de albiscar os seus méritos, sexa como for, todos concordamos en que o listón herdado estaba a rente do chan.
No eido turístico, moito nos aledamos de que caese, por fin, da burra, non obstante, para implantar en Cerdedo un modelo de explotación turística sustentábel, non abonda con manter limpos os camiños. O plan esixe salvagardar a integridade dos nosos valores paisaxísticos e patrimoniais (lembre o arrebato carballicida, non esqueza o AVE que nos vén enriba), encher de contido as rotas de camiñada e dignificar todo aquilo que desexamos mostrarlles aos nosos visitantes.
Desgrazadamente, non somos un prodixio de hospitalidade. As aldeas esmorecen carentes de “horizonte”. Pedre é unha sombra do que foi. A Eira da Pena dá, literalmente, pena. Os nosos bosques son couto forestal da Celulosa. Os nosos ríos, chope das hidroeléctricas. O Museo da Pedra pouco máis ten ca a súa ambiciosa denominación. Como é posíbel que non se presentase alegación ningunha á desfeita que a liña do TAV vai causar na parroquia de Pedre? Éche o primeiro caso de abuso institucional no que os veciños afectados responden co silencio. Por algo será. Dende o Concello concédeselle máis relevancia a un “paseo biosaludable” que ao benestar do pobo e á integridade das aldeas.
Conseguir que Cerdedo se convirta en destino turístico implica discernir a nosa singularidade, crear unha mínima infraestrutura, dotarse dun equipo humano solvente e implicar a veciñanza, fundamentalmente, a hostalaría local (en franca decadencia). Debemos, canto antes, sacudirnos o sambenito de que en Cerdedo “nada vai adiante” (vállanos de exemplo a arruinada escola de parapente). Por outra banda, constatada a súa habilidade negociadora, un plan industrializador que, de verdade, achegue prosperidade e postos de traballo, seguirá sendo unha quimera.
O colectivo Capitán Gosende leva anos traballando en prol da investigación e promoción cultural de Cerdedo e, sendo conscientes das moitas limitacións, demostrou que o sistema funciona. Os froitos da experiencia ofrécense de balde para quen os queira pór en práctica. Lémbrolle, con orgullo, unha pequena mostra do labor realizado: máis de 2.600 persoas guiadas polo monte do Seixo, a Montaña Máxica, e perto de 600 polo “Pedre milenario”. Estas actividades, desenvolvidas con humildade e sen ánimo de lucro, deixaron riqueza en Cerdedo.
O espazo arqueomítico do Seixo, convertido con esforzo e grazas á internet nun referente, segue sendo para vostedes un interesado e patético parque eólico. A montaña do Seixo abrangue cinco concellos (clónicos), así e todo, Capitán Gosende sempre fixo por priorizar os intereses de Cerdedo.
No eido das descubertas, sumamos 10 gravados rupestres e a localización de sete depósitos castrexos en Cerdedo. Moito máis non se lle pode pedir a un entusiasta voluntariado. Esta “pandillita” fai gala da súa independencia. Poderanse acadar máis ou menos obxectivos, pero, polo menos, nós non chuchamos da teta do erario nin nos moven intereses electorais. Pola contra, a súa Concellaría de Cultura, valéndose dun mausoleo infrautilizado, non programa outra cousa ca cultura enlatada.
A ponte de Santo Antonio data de época medieval, é dicir, un chisco anterior á súa chegada ao poder. Os recursos naturais e paisaxísticos, dos que tanto fachendea (e ao mesmo tempo desvirtúa), antes de figurar no seu programa, xa constaban no primeiro libro da Biblia.
En conclusión (2005-2015): 10 anos máis, uns 500 cerdedenses menos.
..
.
↧
QUEN É O CAPITÁN GOSENDE? ( I ) - Faro de Vigo (3-5-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Na primavera do ano 1589, o capitán Xoán de Gosende e Rascado e mais o seu morgado, o capitán Alonso de Gosende e Quinteiro, dos Gosende das Raposeiras (Meilide), chefiando as milicias de Terra de Montes, acoden en auxilio da vila da Coruña, asediada pola frota corsaria da raíña Isabel I de Inglaterra.
O transo da defensa da Coruña enmárcase no contexto da chamada guerra anglo-española que se estenderá ao longo de case vinte anos, dende 1585 deica 1604.
Na amañecida do 4 de maio de 1589, unha podente escuadra, integrada por perto de 200 naves, apóstase en fite ás costas coruñesas. Ao mando da temíbel English Armada vén o almirante Sir Francis Drake. O goberno das tropas de desembarco correspóndelle ao xeneral Sir John Norreys.
A gornición e o pobo da Coruña, en evidente inferioridade, axiña recibirán o apoio dos batallóns de milicianos, mobilizados polas autoridades das distintas xurisdicións do país. Os de Montes responden xaora á chamada. Os labregos, instruídos polos Gosende nas artes da guerra, pousan a fouce e o legón e empuñan agora picas, espadas e arcabuces. As forzas defensivas manteñen o inimigo alén dos muros da fortaleza de San Carlos e do castelo de Santo Antón.
O xeneral Norreys, tendo ao seu dispor un continxente de 17.000 homes, procede ao desembarco no areal de Oza, tomando, non sen dificultade, a parte baixa da cidade (A Peixaría) e causando unhas 300 mortes. A seguir, diríxense cara aos recintos murados. Na porfía, os asaltantes sofren a perda duns 1.000 efectivos, por mor da tenacidade dos herculinos. Malia a forte resistencia, o día 14, a artillaría británica consegue abrir unha fenda nas fortificacións. A situación inclínase, ende mal, do lado dos invasores. A moral dos nosos soldados semella decaer ante o embate do inimigo.
De socate, no fragor da loita, na ardencia do corpo a corpo, xurdiu arroubadora a voz dunha muller: “Quen teña honra, que me siga!!”. Eis María Pita, a carniceira coruñesa que, brandindo a pica do seu home, caído en combate, abateu con saña un abandeirado inglés, heroica determinación que insuflaría folgos nas fileiras da paisanaxe.
Revividas, as tropas galegas fan recuar o invasor. O día 16, os Gosende interveñen na refrega da ponte do Burgo, intenso combate no que resultan feridos varios mandos britanicos, entre eles, Edward Norreys, irmán do xeneral Norreys . O 18 de maio, 14 días despois do seu avistamento, as hostes anglosaxoas optan por embarcar, abandonando o noso litoral para non volver. A batalla da Coruña sáldase cun milleiro de vítimas galegas por mil trescentas inglesas.
Os “inimitábeis” galegos vingaban deste xeito a desfeita protagonizada pola Armada Invencíbel que, un ano antes, fora enviada por Filipe II ás Illas Británicas para loitar, como é sabido, contra os elementos.
Os capitáns Xoán de Gosende e Alonso de Gosende, pai e fillo, tornarán indemnes da lide, mais, non vivirán para inaugurar a décimo sétima centuria. Os despoxos de ambos os dous heroes, amortallados co brasón da “grande media lúa, tres luceiros e catro globos”, xacen baixo as lousas da parroquial de Cerdedo, ao pé da capela do Rosario que, en pago pola intercesión divina, dotaran e investiran con indulxencias papais.
Séculos despois, nunha tarde treboenta do verán de 1982, a señora Gumersinda Solla e o señor Vitorino Bouzán, os derradeiros moradores do pazo, transmitíronlle a un neno de Pontevedra (que tiñan por neto), a historia do capitán Gosende, unha anacrónica pantasma que, alertada polas bombardas do ceo, deambula cerimoniosa e marcial polas congostras das Raposeiras.
O primeiro de abril do ano 2012, ao abeiro da hospitalaria Casa Florinda (Pedre-Cerdedo), un grupo de entusiastas da cultura galega conxurámonos para, máis alá das boas palabras e da militancia de gabinete, demostrar con feitos a nosa adhesión inquebrantábel ao proxecto de conservación e promoción do patrimonio de Terra de Montes e, por extensión, da Galiza.
Os lazos familiares ou sentimentais dos integrantes do colectivo con Cerdedo propiciaron que se escollese este concello, paradigma da Galiza, como territorio de referencia e, así mesmo, como escenario das nosas primeiras intervencións. A denominación escolleita para o colectivo, Capitán Gosende, escusa máis xustificacións.
Capitán Gosende difire de moitos outros colectivos de natureza e motivacións semellantes en que é unha asociación exenta de cargos directivos e retórica estatutaria, aberta a todos aqueles que, afectos ao progresismo mais obviando matices ideolóxicos, queiran sumar o seu esforzo á ardua tarefa de reivindicación do noso acervo. O debate interno considérase síntoma inequívoco de vizo e louzanía. Suxeitos á dinámica do comando cultural, o noso leitmotiv inspírase no coñecido lema martiano “Facer é o mellor xeito de dicir”. Nestas porfiaremos até que os azos ou a saúde dispoñan outra cousa.
En Capitán Gosende non hai obrigas nin aliñación titular. O grao de compromiso demóstrase coa asistencia e participación nas diversas actividades e cometidos que adoitan escollerse por unanimidade (buscar, documentar, valorar e dar a coñecer). Por regra xeral, corta feira, no faladoiro do Eirado da Leña (Pontevedra), decídese a misión e o domingo vénse actuando. As presenzas non se gaban, as ausencias non esixen xustificación. Non estamos abonados ao martiroloxio, secomasí, aínda gozamos de dignidade abonda como para escoller con quen sentamos a unha mesa. Os que son o problema xamais nunca serán a solución.
Feitas as presentacións, recuemos, de novo, no tempo. En xuño do ano 1592, morto Alonso de Gosende e Quinteiro, a súa viúva, María Núñez, a requirimento do xuíz de Montes, fai inventario dos bens que gozaba canda seu home. O extracto da listaxe, transcrito por Rodríguez Fraiz (Protocolos de Xoán Sueiro, ano 1592), non ten desperdicio.
Velaquí, baixo xuramento, algúns dos haberes do 3º capitán Gosende a finais do século XVI: o casarío das Raposeiras coas súas herdades “no que vivían e moraban”; parte do muíño do Bustelo (ou dos Montinos, ou da carballeira de Meilide), xa por herdanza do falecido, xa por escrituras e títulos de compra. Media ducia de vacas (cinco animais adultos, unha xovenca e mais tres becerros); outros cinco animais; corenta roxelos (cabritos) e outros; tres porcas paridas e cinco bacoriños. Unha arca de castiñeiro de catro pés e trece fanegas, coa súas pechaduras; unha caldeira de cobre e un caldeiro pequeno e vello. Unha meda de centeo; dúas fanegas de millo (miúdo) e outras dúas de centeo. As leiras do Cachafal e do Agro do Val (O Ghordoval), a leira do Saighideiro (O Seidorio), a leira de Foce (A Foza) e As Revoltas de Augalonga, todas elas, entre outras moitas, sementadas de centeo. Unha vaca marela que se vendeu para sufragar as honras fúnebres do defunto. Outros tres becerros. Tres mantas de burel novas, de a tres lenzos; dúas de la, novas, de a dous lenzos; seis mantas de burel de a tres e a dous lenzos, usadas (“que andan polas camas”); lenzos de liño para dúas sabas; vinte e seis meadas de liño; dúas varas e media de xénero que gardaba o defunto para facer unha capa; cinco mesas de manteis novas, tres de liño e dúas de estopa, novas. Un carro de campo usado, dous xugos para bois, un arado de man e un tomoeiro de cedro, usado. Unha fouce e un legón; tres fouzañas de segar pan e un fouzaño de coller palla. Un trado vello. Unha decena de cuncas de pau e cinco pratos de pau; unha mesa grande de carballo na que se adoita comer e catro tallos para sentar. Dúas lanzas, unha longa e outra media, e unha espada de puño do defunto. A roupa do finado, de pouco valor, déuselles aos pobres. Oito galiñas e un capón, e esterco nas cortes e casas onde viven; dúas picañas de ferro coas que se saca o esterco. Unha xuntura cumprida para bois, xa usada, agás os adivais que son bos. Uns armarios de catro portas, xa vellos e rotos. Unha grade usada e vella. Unha arquiña pequena de porte de tres fanegas de pan. Un martelo de man de ferro. Tres touciños curados e dous untos de porco”.
Continuará…
.
.
.
↧
↧
UN OTERO ESPASANDÍN DE VINTE ANOS ( e IV ) - Faro de Vigo (23-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
"Pídoche, Castrodiz, dende esta terra,
envellecida nova, metro e medio
de chan, pra cando morra..."
..
.
Roldando a trintena, Otero Espasandín xa é unha figura consagrada no eido do maxisterio, o xornalismo e a literatura.
No nº 51 da revista Nós (15 de marzo de 1928, páx. 58), Otero Espasandín publica o artigo titulado “Nova aportación á lírica galega”, unha gabanza do poeta Emilio Mosteiro.
El Pueblo Gallego do 28 de marzo de 1928 (en portada), na sección “Los trabajos y los días”, O aínda galeguista Evaristo Correa Calderón (1899-1986) publica un artigo titulado “Patria y magisterio”. Extraemos o seguinte:
Uno de los problemas básicos, y uno de los más urgentes, en la Galicia actual, es la escuela [...] Una escuela sin espíritu, sin carácter, no sería absolutamente eficaz. Es preciso que nuestra escuela tenga un alma gallega, un sentido proselitista, para que deje huella, para que alumbre pasión en las nuevas conciencias pueriles [...] “¿Hay que dar en nuestra tierra un sentido gallego a la pedagogía?” [...] No debería dudarse esto ni un momento, porque todo cuanto se haga en contrario será obra estéril [...] Si esto no se hace, la enseñanza en Galicia será híbrida, artificial e inconsistente. Nosotros perderemos un patriota, pero no por eso lo habrá ganado España para sí.
Sigo con atención creciente los trabajos que la Asociación de Maestros de Vigo realiza para llevar a cabo una Asamblea del Magisterio Gallego. Junto a las mejoras de clase que figuran en su programa, no debe olvidarse el tema trascendente de dar una dirección racial a nuestra cultura primaria [...] Los maestros gallegos deben darse cuenta de que antes que maestros son gallegos [...] Existe a la hora presente, en nuestra tierra, una pléyade brillante de maestros intelectuales. Recordemos los más visibles: Noriega Varela, Risco, Otero Espasandín, V. Taibo, Dieste, “Roxerius”, Juan Jesús González, Salgado Toimil, Antonio Couceiro, Correa Álvarez, Santos Vila, Órtiz Novo, Prol, Soto Menor, “Ben-cho-sey”.
Antes que formar la generación que va a venir, habría que formar los institutores abnegados, idealistas, que han de moldearla; comunicarles una conciencia gallega, una responsabilidad.
Oito anos despois, o réxime franquista ‒bendicido por Correa Calderón‒ abriralles expedientes de depuración aos mestres Vitoriano Taibo, Roxelio Pérez Roxerius, Juan Jesús González e Xosé R. Fernández-Oxea Ben-Cho-Shey. O mestre Luís Soto Menor será detido. Os mestres Rafael Dieste e Otero Espasandín víronse abocados ao exilio.
El Pueblo Gallego do 20 de xuño de 1928 (páx. 2), na sección “Prisma”, publica un artigo de Augusto María Casas, titulado “Los poetas nuevos de Galicia”. No seu proxecto “Índice de la lírica gallega contemporánea” (“Esquema da nova poesía galega”, Nós, 1935), Casas escolma, entre outros, os seguintes: Amado Carballo, Correa Calderón, Euxenio Montes, Ánxel Casal, Manuel Antonio, Bouza Brey, Johan Carballeira, Xesús Bal y Gay, Blanco Amor, Emilio Mosteiro, Xulio Sigüenza, Denys Fernández (C. Sánchez Mazas), el mesmo e Otero Espasandín.
De Otero Espasandín, anota: su obra poética permanece, casi inédita, en periódicos y revistas. Prepara su libro “Alfabeto”. Su elevada categoría lírica es indiscutible. Recordamos un poema ‒a. 1926‒ que lleva por epígrafe “Parábola”.
Na páxina 11 de El Pueblo Gallego do 27 de xuño de 1928, baixo o titular “Información general. Ingreso en la Escuela Superior del Magisterio”, lemos: En la Sección de Ciencias han conseguido ser aprobados en el examen de ingreso los siguientes maestros y maestras: (unha listaxe de trece nomes). Felicitamos a los ingresados, especialmente a nuestro colaborador, señor Otero Espasandín.
No xornal El Correo de Galicia (Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina) do 19 de agosto de 1928, na sección “Información de Galicia. Santiago.- Notas de Sociedad” (páx. 8), lemos que Otero Espasandín, “destacado escritor”, estivera en Compostela.
En El Pueblo Gallego do 4 de setembro de 1928 (páx. 2), Otero Espasandín publica o poema titulado “Sementeira”, dedicado á memoria de Amado Carballo, no cabodano do seu pasamento (3-9-1927): Arco da vella / disparas a frecha do campanario / ó corazón do ceo...
No xornal vigués El Pueblo Gallego do 13 de setembro de 1928 (en portada), na sección “Los trabajos y los días”, Correa Calderón asina un artigo titulado “La poesía nueva y Galicia”, do que salientamos: Hoy por hoy, poseemos en Galicia una escuela de lírica nueva de la más fina calidad. En la que ya tenemos muertos que honrar con obsequios de versos, como Amado Carballo (†1927). Eugenio Montes, Manuel Antonio, Otero Espasandín, Blanco Amor, Augusto María Casas, Johan Carballeira, Bouza Brey [...]forman un núcleo de poetas digno de presentar en cualquier acto de afirmación.
Otero Espasandín redacta o limiar do poemario O Galo da autoría de Amado Carballo, publicado postumamente en 1928 na editorial Nós: Camiño da miña terra ‒como a súa, nas veiras de Lérez‒dei con el (vran de 1927) n’unha casiña homilde de Pontevedra. Inda que nunca nos viramos, os nosos brazos cruzáronse como pra refrorecer unha vella aperta...
No nº 58 da revista Nós (15 de outubro de 1928, páxs. 190-1), Otero Espasandín publica unha reseña do libro De catro a catrode Manuel Antonio, publicado tamén pola editorial Nós: E tocáballe a este mariñeiro coa pértega do mastro máis esguío dal-o brinco ás extremas latitudes da poesía contemporánea...
Dezaoito anos despois, no vespertino compostelán La Noche do 13 de xullo de 1946 (páx. 3), na sección “Plumas y letras gallegas” e baixo o titular “Un xuicio sobre o libro de Manuel Antonio “De catro a catro””, reprodúcese a devandita recensión. Na sinatura lese: Outeiro Espasandín.
O 17 de setembro de 1929 (en portada), o xornal El Pueblo Gallego congratúlase pola invitación que a Universidade de Berlín lle fai a Filipe Fernández Armesto (Augusto Assía), colaborador do periódico, para impartir naquelas aulas unha conferencia sobre literatura. A maiores: El Pueblo Gallego no puede por menos de teñir de alborozo sus columnas, registrando este triunfo de la mocedad gallega, la más apetecible mocedad ‒Dieste, Montes, Amado Carballo, Jesús Bal, Fernández Mazas, Maside, Otero Espasandín, Augusto Casas, Bonome, Correa Calderón, Santiso Girón y otros más‒que en este periódico, cordial mano desnuda, alzaron su gallarda verticalidad de antenas.
Imos rematando. Nesta serie de catro artigos, quixemos deixar constancia do torbeliño vital daquel Otero Espasandín da década dos vinte. A ardencia dun galego de Cerdedo que, na flor da mocidade, axudou a forxar os alicerces do país.
“Bo e xeneroso”, foi condenado ao limbo dos apátridas. Porén, con 49 anos de idade e dez de desterro, en carta a Fernández del Riego, escribe: Y mientras un pueblo tenga voz, existe. Que la del nuestro siga hablando al mundo y diga hoy como ayer y como mañana cuan amplio y hondo es nuestro corazón y nuestra esperanza.
Mesmo na soleira dos 87 anos, cun pé na sepultura, nunha carta remitida dende Bethesda-Maryland (USA) ao seu veciño Manuel Monteagudo, Otero Espasandín insiste: ...Mi infancia, pasada en Castro, se posesionó de mi memoria, con todo lo bueno y lo no tan bueno de aquellos años [...] recién entrado en el año 87 de mi existencia, cedo a la condición galaica que en mi pecho palpita vigorosa [...] Le advierto que en lo íntimo me sigo siendo el arrapiezo de comienzos de siglo (3-1-1987).
Na mesma misiva, Otero Espasandín non esquece enviarlle saúdos respectuosos a Rodríguez Fraiz. Ambos os dous non esquecerían, así mesmo, dedicarlle algún dos seus escritos a outro paisano, o Padre Sarmento. Espasandín en 1943 (“Noticia” introdutoria á edición do “Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega” de Sarmento); Rodríguez Fraiz en 1972 (“Los ascendientes del Padre Martín Sarmiento en Cerdedo”). O triángulo inscrito na circunferencia.
O propio Manuel Monteagudo (“Lembranza de Xosé Otero Espasandín”, Verbo Xido nº 11, ano 2005) solicita: eu penso o mesmo que hai máis de vinte anos: no pico máis alto de Castrodiz, onde el pedira metro e medio de chan pra cando morrera, poñerlle un busto coa súa efixie.
Otero Espasandín, autor dos significativos poemas “Pico de Castrodiz” e “Pontes do Lérez”, é un esquecido na súa terra. Agradezamos xaora a oportuna biografía (D. Pereira, 2004), a edición da súa obra en galego (M. Cuquejo, 2006), as merecidas homenaxes, setembro de 2000 e xullo de 2013 (nº 26 do boletín Verbo Xido, 2013), mais, cominemos a autoridade a honrar por sempre a memoria deste ilustre veciño de Castro, rebautizando o colexio de Cerdedo ou outorgándolle o seu nome ao edificio denominado Centro Cultural. Así mesmo, apelamos á Academia Galega para que tome en consideración a vida, a obra e o exemplo de Xosé R. Otero Espasandín para vindeiras edicións do Día das Letras Galegas.
“Vive quien deja y deja el que ha vivido” (A. Machado).
.
.
.
↧
CERDEDO: DESCÚBREO POR TI MESMO (Concellaría de Turismo de Capitán Gosende)
↧
"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" - Faro de Vigo (26-8-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
A Pedra do Talle, A Cabeza do Mouro, A Cadeira do Rei e o petróglifo do Outeiro do Mestre.
. .
.
Difundida a través da libérrima internet, o colectivo Capitán Gosende enxeñou este verán a campaña “Cerdedo. Descúbreo por ti mesmo”. O lema, concibido para revitalizar o turismo cultural en Cerdedo, insiste na necesidade de ofrecer unha imaxe dinámica e positiva do noso concello. A maiores, co gallo da campaña, a asociación, sen esquecer os seus roteiros xa consolidados (Padre Sarmento, Montaña Máxica, Pedre milenario, A Pantalla...), presentálles arestora unha nova actividade de lecer: “Os doce traballos de Capitán Gosende”.
O enredo está pensado para persoas dotadas de espírito aventureiro, capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados nos doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas doce probas de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de Capitán Gosende formulámoslles unha ducia de encomendas que se realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do monte do Seixo como taboleiro de xogo.
A “penitencia” non contempla matar e esfolar leóns, capturar cervos ou xabarís, nin roubar gando nin froita (aínda que a froita roubada é a que mellor sabe). A única pretensión é que, en calquera estación do ano, os nosos visitantes gocen dunha estadía enriquecedora en contacto coa natureza.
Queremos compartir con vostedes a nosa angueira, a nosa paisaxe e o noso tesouro patrimonial, sabendo que, cando o descubran, hanse converter en activos defensores da súa singularidade. Boa falta nos fai. Non somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de paso, a facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo, Capitán Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo como alternativa de ocio.
Recomendámoslles aos intrépidos que non emprendan esta apaixonante experiencia sometidos á ditadura do cronómetro. O concurso semella unha xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que logo, con calma.
O reto consiste en atopar doce fitos patrimoniais e fotografarse ao seu carón para verificar a exitosa descuberta. Daquela, se a aventura se vive en solitario, non lles viría mal proverse dun “pau selfie” ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada unha das doce fotos.
Superados os doce encargos, contacten co colectivo Capitán Gosende a través do seu perfil público en Facebook. Feita a comprobación, amais de recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do correspondente diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por Cerdedo.
Completar con éxito os doce traballos non se premia con bens materiais, xa que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe (a sabedoría) é a verdadeira recompensa.
Co aquel de facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles as coordenadas aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois, preguntando chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa responsabilidade e con total liberdade.
No monte do Seixo, os participantes deben localizar e fotografarse xunta os seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto, Portalén, A Cadeira do Rei e A Pedra do Talle.
Situado a 1.014 m de altitude, OOuteiro do Cotoé o cume do monte do Seixo e unha das cotas máis elevadas da provincia de Pontevedra. A cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral, polo que, con día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de privilexio. Se a atmosfera o permitir,cara ao noroeste, a uns 45 km rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago. Encadren na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo que lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un petróglifo (4.000 anos de antigüidade), composto por un arco de tres coviñas disimilares.
A rechamante peneda coñecida por Portalén (coordenadas.- X: 550. 702; Y: 4.702.497) é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o magosto celta, o van de Portalén “actívase” e serve de pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección nordés-sudoeste). Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe ser revelado, a risco de perder a voz.
A 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do Marco do Vento, un monumento megalítico de 6 m de altura.
O sentadoiro pétreo nomeado Cadeira do Reiáchase no Coto da Santa Mariña (994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta da Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un miradoiro avantaxado das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo. Coróense reis por un día. Na fondeira, cara ao norte (a uns 650 m de distancia), dexérgase a ermida da Santa Mariña.
A Pedra do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m). Conforme a lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do Castro emprega a Pedra do Talle para tomarlles a medida aos seus pretendentes. O bico da pedra afástase do chan 1’85 m. Fotografarse baixo o beirado é inescusábel.
Cos catro albos do Seixo no fardel, afronten a quenda de traballos sinalados para o concello de Cerdedo. O municipio divídese en oito parroquias. Prescríbese un fito por cada parroquia.
Na parroquia de Cerdedo, escollan a mellor perspectiva para retratarse na ponte de Arén, sobre o río do Castro. Construída durante a República polo músico e canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as aldeas de Arén e Cernados. Nunha das pedras do peitoril lese: “La Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga a pena visitar a capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na parroquia de Pedre, fotografaranse a carón dun dos cruceiros que coroan o cotarelo doSan Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o padroado do mártir romano, data do século XVIII. Á beira da desembocadura do río de Quireza no Lérez, érguese o Coto das Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa denominada O Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o conxunto de hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo Estevo (séc. XVII).
Na parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre (coordenadas.- X: 547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte superior do penedo, amais da panorámica, poden contemplar un fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade). O petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os elementos meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por mor da matogueira, esta excursión reviste certa dificultade.
Dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao noroeste, áchase o coto de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro. Pasado o foxo castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha rocha que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro (coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque, a pedra figurativa é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor da matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.
Na parroquia de Folgoso, visitarase o camposanto da Santa María (igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto, alegoría da morte, que adobía un suntuoso panteón do escoupro do canteiro Manuel Barros. A unha carreira de can, á beira da estrada que vai cara a Parada, sitúase a ermida do Pego mais o cruceiro anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño.
O labor asignado para a parroquia de Parada é a localización da ponte medieval sobre o Lérez, rota de arrieiros e camiño de peregrinación a Compostela. Nas inmediacións, atópanse o castro da Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán a igrexa parroquial (San Pedro) do século XVIII.
No cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán unha flor na sepultura do defunto anónimo. Na lápida riscouse o signo da interrogación ( ? ). O templo (San Tomé) data do século XVI. Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado cruceiro das Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé Ferreiro.
Finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán ao monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña (coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas as dúas figuras de cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para esconxurar o trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a meteoroloxía en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase o templo parroquial (Santa Mariña) que data do medievo (séc. XII).
Velaquí os doce traballos de Capitán Gosende. Ben seguro, xa están desexando botarse ao camiño. Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
..
.
↧