↧
"OS DOCE TRABALLOS DE CAPITÁN GOSENDE" (Folleto-guía imprimíbel)
↧
SALVOCONDUTO DE CAPITÁN GOSENDE
↧
↧
Presentación na Estrada do libro "A CONXURA DOS GOSENDE. RETRINCOS DA INTRAHISTORIA DE CERDEDO III".
↧
VAGALUMES DA ESTRADA PRESENTA "A CONXURA DOS GOSENDE" (4-9-2015)
↧
"A CONXURA DOS GOSENDE. RETRINCOS DA INTRAHISTORIA DE CERDEDO III" - Presentación na Estrada (4-9-2015)
↧
↧
E NESAS ANDAMOS...
↧
CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE UN PETRÓGLIFO EN VILARCHÁN (QUIREZA)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
O domingo 30 de agosto o colectivo Capitán Gosende deu cun novo petróglifo a medio camiño entre as aldeas de Vilarchán e Fondós (parroquia de Quireza), no lugar coñecido por As Mámoas.
O gravado rupestre (coordenadas: X: 545.717; Y: 4.711.502) localízase a uns 50 m da estrada PO-7102, dirección Vilarchán, agochado no seo dun eucaliptar que, canda a matogueira, cobre un outeiriño que acada os 381 m de altitude. Para a súa descuberta, contamos coa axuda de Carlos Valiñas, ilustre veciño de Vilarchán, que nos guiou até o cotarelo na procura de vestixios megalíticos.
O “petróglifo de Vilarchán” ou “petróglifo das Mámoas” (sobre filloas, mel) áchase a uns 600 m ao sueste do depósito arqueolóxico do Castriño, en cuxas proximidades se atopou un muíño barquiforme (léase Faro de Vigo, 22-4-2012); a uns 900 m ao sueste do gravado rupestre de Fondós (descuberto por Capitán Gosende hai unhas semanas (léase Faro de Vigo, 11-8-2015); a 1 km ao nordés do xacigo tumulario de Mamoalba, e a perto de 2 km ao noroeste da cimeira de Castrodiz (631 m). Ben seguro, dada a súa orientación, o artista prehistórico tallou a inscultura fitando o pico de Castrodiz, o horizonte montañoso no que raia o amencer.
A zona denominada As Mámoas é unha pequena prominencia rochosa cuberta na súa meirande parte pola vexetación: arboredo e monte baixo. Descoñecemos o paradoiro das medoñas, mais, na lomba de levante, faise visíbel unha lousada duns 40 m2 de superficie (pedra de gran groso) que, malia os efectos da erosión e do labor extractivo, aínda conserva unha mostra da simboloxía ritual dos “cerdedenses” de hai 4.000 anos.
O conxunto componse dunhas 13 coviñas de tamaños diversos. Contemplando o panel na dirección leste-oeste, apreciamos, no recanto superior dereito, dous círculos concéntricos con foquiña central e apéndice. No recanto inferior dereito, observamos outra coviña con apéndice, contida nun círculo.
Desculpen o meu arrouto de inmodestia, mais, cómpre facer balance. Na compaña do colectivo Capitán Gosende, quen escribe expresa o seu orgullo e contentura por descubrir, en Cerdedo, 15 gravados rupestres: o petróglifo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo), o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o petróglifo da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado (histórico) do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o petróglifo do Outeiro de Riba (Buduído-Cerdedo), o petróglifo de Carballás (Cerdedo), o petróglifo do monte de Laxoso (Quireza), os petróglifos do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o petróglifo da Porteliña (Tomonde), o petróglifo da Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) e, agardamos que non sexa o último, o petróglifo de Vilarchán (Quireza).
Polo que respecta ao concello da Estrada, sumen os petróglifos do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo), que fan un total de 18 na miña conta persoal.
Pola súa banda, o colega Anjo Torres anotou no seu haber o petróglifo de Fondós (Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV (Sabucedo) que elevan a 20 os gravados rupestres descubertos por Capitán Gosende naquel territorio. Como di o compañeiro Xoán Soto: “E coa cana pescando”.
Faro de Vigo-Terra de Montes (9-9-2015).
.
.
.
↧
OS DRAGÓNS DA TERRA DO MEDIO - Faro de Vigo (13-9-2015)
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Os dragóns de Cerdedo (ilustración de Nan Vaz).
..
.
Moito antes de que os nenos de cidade descubrisen a existencia dos dragóns nos libros de Tolkien (1892-1973), os nenos de Cerdedo xa sabían que, nunha agochada peneda do monte do Sangal, nomeada O Embigo do Becho, vivía prisioneiro un fabuloso dragón –o Becho– que, até a súa reclusión, sementara o pavor pola comarca.
A bisbarra de Montes coñecíase no antigo co nome latino de montes Metae(“os montes da Meta”), sendo “Meta” a denominación dunha montaña cónica e preeminente que, canda o río Lérez, establecía a fronteira entre a Galiza (Keltia) do norte e do sur.
A Meta, a dita montaña rechamante, identifícase co monte do Seixo, contraforte setentrional da serra do Cando que, en lingua celta (*cand-/*cant-), redunda na súa orografía sobranceira. Na penechaira, os seis metros de altura da pedrafita do Marco do Vento, ergueita na encrucillada da Feira Vella (oenach), sinalou o límite das xurisdicións célticas da Artabria e da Grovia e, após, deslindou os conventusromanos de Lucus e Bracara. Salientando a súa consideración de limes, contan que, no Marco do Seixo, todos os ventos dan a volta. Nas feraces valiñas da Meta, a Terra do Medio, esparexíanse os castros das tribos metacias, os celtas da marca.
O Becho do monte de Cerdedo é un dragón e, como todos os dragóns, unha criatura arrepiante. Non debemos confundir o Becho coa Bichoca ou co Cancodrilo (deles xa nos ocupamos noutrora nesta mesma cabeceira). A confusión é doada, pois, todos tres son seres estarrecedores, voraces e desapiadados que, procurando non cruzarse no camiño, cohabitan (ou cohabitaban) na conca do Lérez.
O dragón do Sangal bota a durmir boa parte do ano, aletargando a súa escamenta anatomía no máis fondo dunha lóbrega toqueira. Eis o Embigo do Becho. Mentres o sol de forza espreguiza e non os seus membros, na durmideira, o comellón maxina gorentosos rabaños, carne fresca coa que aledar o bandullo. Acirrado pola canícula, o monstro acorda do seu sopor e teima en estricar a cabeza fóra do tobo.
Antano, non se aviña a couto ningún e, abandonando o buraco, despregaba a súas enormes ás morcegueiras e chimpábase lomba abaixo para remontar o voo e sucar o ceo de Cerdedo coma grácil tartaraña. A envergadura do dragón do Sangal facía vir as sombras á terra. Mesmo así, para que nos entendamos, un espécime é o Becho e outro moi distinto, o paxaro Aighoto, colosal rapina que escolle o poio da Penadaigha, pedrestal do monte do Seixo, para esculcar e lanzarse ao baleiro.
Con chío estridente, reclamaba o dragón o seu tributo cadaneiro: unha moza casadeira, un xato de rubia galega, uns roxelos de leite (outros tesmuños elevan o imposto a trinta animais con cornos ou a trinta cornos canda os seus respectivos animais).
De non lle cumprir o antollo, o dragón trousaba unha escaldante labarada que chamizaba a eito quinteiros, colleitas e arboredos.
Contan que san Xoán, baril cabaleiro chegado de afastadas terras, ofreceuse para redimir o pobo de Cerdedo da súa maldición.
San Xoán fíxolle a espera ao saurio terríbel, atraéndoo co engado dun año acabado de nacer. O Bautista, pé en terra, enfrontouse á besta voadora nun combate que tivo por escenario as leiras que despois nomearon San Xoán, varcias lerezás sitas na entrada de Cerdedo segundo se vai de Pontevedra.
O santo, homiño pequecho malia que destemido, contivo a serpe alífera valéndose dun fachón, mentres no colo gardaba das enlaricadas fauces a coitada ovelliña, tal e como o canteiro Xosé Neto o representou entre as dúas torres da igrexa parroquial.
A por de pasar o fachizo unha e outra vez polos fociños do malvado, foino arrecunchando en recuada até a boqueira do seu cubil que atoou con grandes pedras. Avíndose á etimoloxía do seu nome, o paladín non lle deu morte ao Becho, antes ben, deixoulle unha reganduxa para que puidese respirar.
O pobo fixo punto da estratexia e, ano a ano, cadrando coa efeméride do San Xoán, os aldeáns prenden innúmeras fogueiras para conmemorar a fazaña do seu valedor e, asemade, para lembrarlle á fera encarcerada que non perde ren ficando onde está.
A peneda do Embigo do Becho localízase na face norte do monte de Cerdedo, polo camiño da Cubeliña adiante; verea nemorosa de seu que o Concello, tras chantarlle dous bancos e un caldeiro do lixo, recualificou como “paseo biosaludable” e que o tren de Madrid (un dragón dos tempos modernos) a fará desaparecer ao seu paso. Maldita ignorancia.
En setembro de 1985, TVE pretendeu atraer a atención dun rapaciño de Pontevedra que pasaba os veráns en Cerdedo (coa orella posta), estreando unha serie de debuxos animados en cuxa cabeceira soaba: “Dragones y mazmorras, un mundo infernal, se oculta entre las sombras la fuerza del mal...”. Érache voa!!
O dragón, inquilino forzoso da canfurna do Embigo do Becho, non gozaba en exclusiva do espazo aéreo de Cerdedo, pois, tamén é sabido que no lugar de Arén, no alborecer do monoteísmo, o arcanxo san Miguel, por mandado de Deus, pechou outro dragón no alxube da capeliña do castro.
O arcanxo, acoirazado guerreiro dotado de apéndices alares, bateuse nas alturas coa coca septicéfala cospelume, e a batalla debera figurar nos anais da aviación de combate.
Anxo e dragón, enleados na contenda, trucáronse até a extenuación, trazando no ar mil e un bucles e cabriolas: o infante celeste, procurando esquivar o alento pelante do dragón; o soldado do averno, caneando a fendedora espada de luz do seu opoñente.
A sorte da batalla decantouse do lado do san Miguel, mais, coma no caso anterior, foi lide sen morte. O dragón de Arén, indultado, acabou preso no rocho da capela, ao coidado de sete cadeados (un para cadansúa cabeza). Encol dunha peaña da parede sur do templo de Arén consérvase, tallado en pedra, un fotograma daquel episodio bélico: o Arcanxo, apolíneo, impásibel, lanceiro e fiel contraste, tripa e atravesa a diabólica criatura coa man esquerda, ao tempo que, coa dereita, pesa un lote de almiñas.
O san Miguel, así que lle deu a derradeira volta á derradeira chave (sete cadeados de sete voltas), pronunciou ofegante aquilo de “Quis ut Deus?” que, en román paladino, vén significar “Quen coma Deus?”, e no vervo xido, traduciríase por “Quenvius comius Queico?”. O dragón, repregándose, seica refungou: “O mundo volverá saber de min”.
O invicto xeneral dos exércitos anxelicais, receando das artes do demo, ocultou as chaves en sete postorios diferentes, esparexéndoas pola contorna. E aínda que a operación foi considerada alto segredo, o paradoiro das chaves, non sabemos como nin por quen, foi revelado. “Tres poderían gardar un segredo se dous deles morresen” (B. Franklin).
Segundo M. Azaña, “en España o mellor xeito de gardar un segredo é escribir un libro” e, xa que logo, preservando o arcano do gran público, deste xeito precisei a xogada no Almanaque de encantos (2005):
No pío da fonte do San Miguel, o Arcanxo guindou a primeira das sete chaves que fecha o alxube no que recluíu o dragón das sete cabezas. A segunda chave gardouna baixo unha tella do muíño do Bico. A terceira, so un dos peares do pasadoiro do Souto, no río do Castro, aquel sinalado coa marca J F “Xuízo Final”. A cuarta chave chimpouna ao pozo da Torre, no mesmo río. A quinta colgouna da carranca do Turco da Pilara, can fero escorrentador de franceses, e a sexta chave pousouna tras a pedra armeira dos arencos (escudo da casa de Elsita). Da sétima, deixou dito que se as forzas do mal a arelaban, terían de saber ler nas inscricións dos muros da capeliña que abeira a súa imaxe, na aldea de Arén: calvario e minguante.
Así como o dragón do Embigo do Becho segue amodorrado no Sangal, desconfíase que o dragón de Arén liscou para alén do Seixo, achando acubillo na provincia de Ourense onde teñen aumentado exponencialmente as prácticas piromaníacas.
Son acérrimo defensor dos viventes cos que compartimos o orbe, non tolero can pola cadea, e non nego tampouco o meu natural falcatrueiro, porén, prométolles que eu non ceibei o dragón de Arén. Eu non fun.
Honrando estes contiños de dragóns que arrequeceron o leite co que me fun criando, bauticei o meu blog co nome de O Embigo do Becho. Revélolles con gusto estoutro segredo porque, sete anos despois, a miña bitácora persoal na que publico cousiñas de Cerdedo acadou xa as 100.000 visitas. Moitas grazas pola súa curiosidade.
.
.
.
↧
NA XXXVIII ROMAXE DE IRIMIA (PENAS DE RODAS-OUTEIRO DE REI) - Reportaxe: XOÁN SOTO
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Máis fotos en Facebook/Capitán Gosende:
..
.
↧
↧
NA MEMORIA DE CARMEN BUXAN (Xestión do Patrimonio Arqueolóxico e Etnográfico)
↧
V ROTEIRO DA PANTALLA (Pedre-Cerdedo)
↧
CAMIÑANDO ENTRE PETRÓGLIFOS, PANTALLAS E POLAFÍAS
↧
PEDRE, PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE
↧
↧
BATENDO RECORDS
↧
V ROTEIRO DA PANTALLA en Pedre-Cerdedo (Magosto de 2015)
↧
Premio CIDADE DE PONTEVEDRA 2015 (Teatro Principal de Pontevedra, 20 de xaneiro de 2016)
↧
UN PETRÓGLIFO EN COTOBADE (Outeiro da Cruz-monte da Penancha)
↧
↧
MARCHA CONTRA ENCE (4-6-2016)
.
.
.
.
.
.
Ligazón ao texto do manifesto:
.
.
.
.
Vídeo da lectura do manifesto:
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
Ligazón ao texto do manifesto:
.
.
.
.
Vídeo da lectura do manifesto:
.
.
.
.
.
↧
ROMEIROS DO ALÉN: XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
O sábado 10 de setembro, a pouco que a meteoroloxía o propicie, o monte do Seixo converterase en escenario dun dos eventos culturais con máis sona e arraigamento de cantos se celebran no país: a Romaxe de Irimia, o multitudinario encontro dos crentes galegos que este ano acadará a súa triséximo nona edición. A Asociación Irimia, con case corenta anos de existencia, promove dende a sua fundación (acaecida en setembro de 1978) unha galeguidade cristiá, sublimada na “tolerancia, o diálogo, a solidariedade, a loita pola liberdade, a xustiza e a paz”.
Ano tras ano, os responsábeis da loxística de Irimia escollen, como marco para a súa celebración, lugares cheos de significado, referenciais da nosa historia e da nosa cultura: o Pedregal de Irimia (Meira, 1978), o monte Aloia (Tui, 1983), a Ponte Ledesma (Boqueixón, 1984), O Incio (1988), o monte Faro (Chantada, 1991), o castro de Penalba (Campo Lameiro, 2000), a serra da Capelada (Cedeira, 2004), Chan da Arquiña (Moaña, 2006), Santa Uxía de Lobás (O Carballiño, 2013), as Penas de Rodas (Outeiro de Rei, 2015)...; e, paseniño, até trinta e nove selleiras localizacións que, espalladas polas catro provincias galegas, son reflexo da nosa sublime idiosincrasia.
A título persoal, a escolla do monte do Seixo como marco para a romaxe irimega é motivo de fonda ledicia e grande responsabilidade; así mesmo, un soño cumprido. Neste noso país, erguer a voz, posicionarse sen ambaxes, preservar a dignidade é tarefa ardua que, adoito, implica camiñar en soidade, sen apoio ningún das institucións. O colectivo Capitán Gosende ábrese camiño nesta conxuntura pouco favorábel. Supeditados á carencia de medios, nada pedimos, nada ficamos a deber.
En febreiro de 2015, a directiva de Irimia convidou os integrantes de Capitán Gosende a participar como relatores na súa Festa do Lume que, baixo o lema “Facendo país de abaixo a arriba”, celebrouse no mosteiro de Bergondo (A Coruña). As razóns do convite atopámolas na súa web (asociacion-irimia.org): “Na Festa do Lume 2015 da Asociación Irimia queremos celebrar e aprender do mellor que pasa no noso país. O asociacionismo de base en Galicia, aquel que se centra directamente en alentar e transmitir a cultura galega, ou aqueloutro que dinamiza as nosas comunidades, que organiza desde abaixo os diferentes eidos da nosa vida, ao tempo que revive a nosa identidade..., ese asociacionismo é una realidade que existe e resiste”.
A delegación de Capitán Gosende presente en Bergondo puxo en coñecemento dos asistentes os pormenores da súa “folla de ruta”, o seu humilde labor de enxalzamento e dignificación cultural desenvolvido no concello de Cerdedo; denunciando os desmandos cometidos (ou pendentes de comisión) contra o patrimonio cultural e ambiental da zona: parques eólicos, hidroeléctricas, tren de alta velocidade, minaría do coltán, destrución da flora autóctona, eucaliptización, praxe caciquil, abandono, despoboamento...
Naquela Festa do Lume anunciouse o monte do Seixo como destino espiritual da romaxe para o ano 2016. Ende ben, os irimegos acordaran dirixir a súa corriqueira caravana cara aos cumes da serra do Cando. Cómpre salientar que tanto a promoción cultural do monte do Seixo (angueira de anos) como a responsabilidade organizativa da 39ª edicición recaeron e recaen nas asociacións culturais, contrarrestando o proverbial desleixo das administracións.
A piques de cumprir corenta anos da primeira xeira (no Pedregal de Irimia, nacenza do río Miño), a atalaia do Seixo servirá para seguir pregoando aos catro ventos a indómita condición de galegos: a devoción pola nosa lingua minorizada, pola nosa historia ocultada, pola nosa cultura maltratada; conscientes do feito diferencial da galeguidade. Velaí os alicerces da nosa resiliencia.
Hai casemente un ano, ao pé das Penas de Rodas, o santuario solar de Outeiro de Rei (Lugo), lugar da 38ª romaxe, unha representación do colectivo Capitán Gosende “recolleu o ramo”, asumindo o reto de colaborar na organización da presente edición. Aquela xornada de refulxente irmandade permanece indelébel no maxín. Quen non se viu nunha semellante, aínda non experimentou a enerxía creadora e transformadora do noso pobo, unido en prol da causa común.
Naquela mesma data, os compañeiros do colectivo cotobadense Canón de Pau ofreceron a súa inestimábel axuda para turrar xuntos do carro, oferta que aceptamos gustantes e agradecidos, coñecedores da súa ampla e xenerosa traxectoria. Todos a unha, irmandiños!!
A XXXIX Romaxe de Irimia terá lugar, pois, no alto Seixo, por riba dos 900 m de altitude. Todos os camiños conducirannos á chaira da Santa Mariña na alborada do segundo sábado de setembro. Ogallá non chova!
O encontro evocará feitos pasados. Dende tempo inmemorial, naquela encrucillada, centos de labregas e labregos, gandeiras e gandeiros da redonda do Seixo, mediado o mes de Santiago, galgaban corgueiros e costaneiras para participaren, nesa terra de ninguén e de todos, non só da transacción, inherente ao mercado do gando e das sementes (o 18 de xullo), senón da liturxia do viño en cunca, do polbo á feira e do amigábel parrafeo.
O 14 de setembro de 1810, hai xa 206 anos, ao pé do marco da Santa Mariña -antigo linde xurisdicional de Montes, Cotobade e Caldevergazo (A Lama)-, tivo lugar unha xuntanza á que asistiron os xefes das Alarmas da contorna. Os afoutos milicianos do “canón de pau” deseñaron a estratexia, previndo o contraataque do exército napoleónico, aínda activo en Portugal. Loitábase pola liberación, loitábase pola independencia, unidos no esforzo de afastar un exército inimigo e invasor; un inimigo que, no pasar dos anos, mudou arteiramente a súa fisionomía para seguir chuchando con ansia do noso sangue.
Canón de Pau e Capitán Gosende unimos esforzos para, na medida das nosas posibilidades, facilitar o feliz acontecemento. Os integrantes de ambas as dúas asociacións somos conscientes de que, no eido cultural, a sinerxía é indispensábel para enfrontar o quefacer reivindicativo que lle dá sentido á nosa existencia. Así mesmo, os de Capitán Gosende (Cerdedo) e Canón de Pau (Cotobade) adherímonos ao sentir da veciñanza integrada nas plataformas “antifusión”, pois entendemos que a arbitraria decisión de unir os dous concellos só agocha escuros intereses partidistas e persoais, unha mostra máis da praxe política que converteu este territorio nun ermo desesperante.
A comunidade irimega avanta con paso decidido cara a corenta edición da súa romaxe. Após catro décadas, os irimegos son custodios dunha arca ateigada de gozosas experiencias, vividas todas elas en lugares excepcionais. Agradecémoslle a Irimia a deferencia de erixir o monte do Seixo como acaído marco de convivencia. Non cabe dúbida que a súa decisión se viu favorecida polo incesante labor de defensa dos valores que atesoura o monte do Seixo: arqueoloxía, mitoloxía, natureza. Cómpre lembrar que o primeiro roteiro guiado polo Seixo se remonta ao ano 2002 e que a primeira edición do Roteiro da Montaña Máxica data do ano 2005. Ao longo desta quincena, ao tempo que se guiaba os nosos visitantes (máis de 3.000 persoas), antes Verbo Xido e agora Capitán Gosende denunciaron reiteradamente a destrución do patrimonio arqueolóxico e ambiental do monte do Seixo, transformado groseiramente nun parque eólico alá polo ano 2000.
Ben sabemos que, hoxe por hoxe, un dos atractivos da comarca é a peneda de Portalén, a mítica porta do Outro Mundo, en cuxa descuberta e posta en valor investín moito do meu tempo. Ao fío, os medallóns conmemorativos da XXXIX Romaxe, lucirán, baixo o lema “Romeiros do Alén” (Gondar dixit), a silueta de Portalén, segundo o deseño da ilustradora Ana Santiso. Este fermoso “souvenir” en cerámica de Sargadelos poderá adquirirse por un módico prezo, in situ, o día da festa. A escolla do monte do Seixo para a celebración da Romaxe e o motivo do medallón son un agarimoso recoñecemento a este traballo.
A Asociación Irimia e os colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau convídanvos a participar desta efeméride. Galegas e galegos de ben, provenientes dos catro puntos do país, congregaranse na Santa Mariña do Seixo para compartir unha xornada de exaltación da galeguidade. Súmense, pois, a esta festa da música, da palabra, da amizade e do sentimento. Non dubiden en achegarse e engadir o seu entusiasmo a un acto cultural que se desenvolverá ao ar libre, de balde e onde non se lles vai pedir o voto.
Desafiando o azar meteorolóxico (o lema do noso colectivo é “Que chova que vente, Capitán Gosende!!”), verémonos xa que logo no Seixo. Se informados do evento, desexan tomar parte, conflúan, de primeiras, na localidade pontevedresa de Cerdedo (a 30 km de Pontevedra (N-541), a 65 km de Ourense (N-541) e a 50 km de Compostela (EP-7001)). Dende alí collan o desvío cara a Presqueiras e San Domingos (PO-2204), en dirección ao parque eólico (no eido da sinalización, en Cerdedo seguen negando a existencia do monte do Seixo, máis alá da industria que o invadiu). Percorridos uns 4’5 km, viren á dereita para proseguir o ascenso cara á aldea de Carballás (sita a 6 km de Cerdedo). Deixen Carballás e continúen viaxe, dereitiños xa cara ao alto do monte. A 11 km de Cerdedo, a carón do transformador do parque eólico, desaparece a estrada asfaltada. Prosigan pola pista central uns 3’5 km, dirección sueste, até atopar a ermida da Santa Mariña (a 14’5 km de Cerdedo), lugar da romaxe.
Os actos comezarán ás 11:00 h da mañá do sábado. Un petisco de requeixo con mel sobre galleta mariñeira e un fermoso marcapáxinas da autoría de João Bieites serán o agasallo de benvida. No marcapáxinas reprodúcese o gravado rupestre denominado “Laxa da Romaxe I”, descuberto no monte de Pedre polos exploradores de Capitán Gosende en outubro de 2015. O petróglifo representa talmente unha foliada de hai 4.000 anos. As actuacións do grupo A Quenlla, con Mini e Mero á cabeza, do grupo Trubincos do Batán e do cantautor Tino Baz, amenizarán o encontro.
O contido da celebración xirará arredor de tres das moitas lendas tradicionais recollidas na contorna: a profecía do Tecelán de Carballás, a malfadada santa Mariña e Portalén. O Tecelán de Carballás, vello vedoiro, prognosticou, xacando, a ruína e abandono do rural. A economía tradicional, ecolóxica e sustentábel, supeditada á ditadura do capitalismo (xaora, o Tecelán bateu certo). Por outra banda, consonte o saber popular, a santiña do Seixo preferiu morrer xugulada antes de entregarse ao invasor romano. A santa Mariña, advocación do monte do Seixo, é paradigma do pobo resistente. Finalmente, Portalén, a soleira do Máis Alá, converterase na porta de acceso a unha nova dimensión, rexa e revitalizada, do noso celme. Para ritualizar o “paso da Porta” (“Eu renazo galego!”) cómpre que cadaquén faga a viaxe provisto dunha pedriña que, poñéndolle o ramo ao acto e a xeito de exvoto, depositarase formando un milladoiro.
Ao remate da sección celebrativa, gozaremos dun xantar en fraternidade. No alto haberá servizo de bar-restaurante baixo carpa e un telderete de polbo á feira. Cadaquén traerá a súa comida, mais quen o prefira, ten a posibilidade de, coa debida antelación, encargar o xantar (racións de polbo, empanadas, tortillas, bocadillos, bebida, pan...) no seguinte nº de teléfono: 630825203 (Restaurante “O Meu Lar”).
Non esquezan engadir á súa equipaxe algo de roupa de abrigo, un parasol ou paraugas e/ou unha viseira (máis vale previr). As cadeiras e asentos nunca están de máis. Pola tarde, aqueles que o desexen, poderán participar da chamada “oración da tardiña” que terá lugar na carballeira de San Xusto (Cotobade).
Benvidos ao Seixo, irimegos; benvidos ao Seixo, Romeiros do Alén!!
..
.
↧
CALROS SOLLA (Biobibliografía)
.
.
.
Debuxo de A. Santiso
..
.
Calros Solla naceu en Pontevedra no ano 1971. É profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor. Membro fundador do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende. Membro da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
.
No eido poético, é autor dos poemarios Xábregho (1999), Mel de arañas (2000), Terras raras (2001) ‒todos tres recollidos na antoloxía Ras e tritongos (2003)‒. Os versos de Xábregho e Mel de arañas foran galardoados co 1º Premio de Poesía no I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo (1992). É autor tamén de Cerdedo in the Voyager I (2004) e Libro de reclamacións (2005), coleccións de poesía visual, e mais dos libros de “retrónicas” reGaliza e outras chuches (2008) e O orgullo do gurgullo(2012), tributo á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) no seu 25 aniversario. En 2010, saíu do prelo Pan prós crocodilos. Ese mesmo ano, foi merecente do Premio de Poesía Johán Carballeira polo poemario MazinGZ e, en 2011, do Premio de Poesía Victoriano Taibo polo poemario Holocausto zacoe.
.
O máis da súa obra poética espállase por libros colectivos e revistas literarias, entre os que salientamos: X Festival da poesía no Condado (1990), Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000), Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), Poesía contemporánea: Tabeirós-Terra de Montes (2005), Pontevedra literaria (2007), Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (2007), Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario (2007), Polos camiños de Cangas. 25 anos do certame de poesía María Soliño (2010), XXIV Festival da poesía no Condado(2010), Dairas (2011), Poema río dos Gafos (2012), 150 Cantares para Rosalía de Castro(2015); Madrygal, Dorna, Verbo Xido,Arraianos...
.
No eido histórico-etnográfico, como estudoso da bisbarra de Terra de Montes, forneceu a súa colección “Cerdedo in the Voyager” cos seguintes títulos: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral(2002), Cerdedo na obra do Padre Sarmento (2002), Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007), Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) ‒o seu labor de estudo e divulgación do monte do Seixo foi merecente do Diploma de Honra outorgado polos Amigos da Cultura Celta (Narón, 2011), revalidado pola mesma asociación cun Certificado de Agradecemento (San Cibrao de Las, 2017)‒, Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008), Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011), O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (2011), O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (2012), O crime de Pardesoa (2013), As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (2014), Amuletos, talismáns e pedras da fartura: Obxectos de poder da Galiza tradicional (2014), A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III(2015), Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (2016), Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo IV (2017) e O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017).
.
Así mesmo, como colaborador da asociación cultural e ecoloxista Vaipolorío, deu ao prelo: Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (2009), O demo asubiador (2014) e O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970) (2014).
.
“Polo seu traballo incansable de promoción e posta en valor da lingua e da cultura galega e nomeadamente do patrimonio natural e inmaterial do concello de Pontevedra”, concedéuselle o Premio Cidade de Pontevedra 2015.
.
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais outorgoulle en 2017 o Premio Cogave.
.
Como afeccionado á arqueloxía, amais de identificar, no monte do Seixo, por riba dunha trintena de “pedras con lenda” (estacións míticas) ‒entre elas, a xa célebre Portalén‒, ten atopado, no concello de Cerdedo, numerosos depósitos ou pezas de notábel valor arqueolóxico: o pétreo antropomorfo nomeado Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio-Pedre), o muíño navicular do Castriño (Fondós-Quireza), o gravado rupestre da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os gravados rupestres do Outeiro Aciveiro Ib, II e III (Biduído-Cerdedo), os gravados rupestres Ib, IV e V do Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo), o gravado rupestre do Alto do Monte II (Deán-Figueiroa), os gravados rupestres da Laxa das Filloeiras I e II (Pedre), o gravado rupestre da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado rupestre do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro de Riba (Biduído-Cerdedo), o gravado rupestre de Carballás (Cerdedo), o gravado rupestre do monte de Laxoso (Quireza), os gravados rupestres das Corvas I e II (Pedre), o gravado rupestre da Porteliña (Tomonde), o gravado rupestre da Lomba de Castrodiz (Figueiroa), o gravado rupestre de Vilarchán (Quireza), os gravados rupestres da Laxa da Romaxe I e II (Pedre), o gravado rupestre do Outeiro Rachado (Figueiroa), o gravado rupestre do Coto Laceiras (Figueiroa), o Serpentiforme de Limeres (Limeres-Cerdedo)...
.
No concello da Estrada, os gravados rupestres do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo). No concello de Forcarei, o gravado rupestre da Mámoa Grande (monte do Seixo-Presqueiras), o gravado rupestre do Vieiro (Castrelo), os gravados rupestres da Pedreira IV, V, VI, VII e VIII (Pereira) e o gravado rupestre de Filloi (Aciveiro). Na parroquia de Cerponzóns (Pontevedra), atopou o gravado serpentiforme da pedrafita do monte Curuto...
.
É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo), de 2002, Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), de 2006, Roteiro da Pantalla(Cerdedo), de 2011, e Roteiro polo Pedre milenario, de 2013, inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios “Cerdedo in the Voyager” (Ed. Morgante), na dignificación da terra cerdedense. A día de hoxe, máis de cinco mil persoas descubriron o monte do Seixo na súa compaña. Xunto co Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca” realizou o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (2009). En 2012-13, comisariou a exposición “De rezos a conxuros” (colección particular de amuletos, talismáns e outros obxectos de poder da cultura tradicional) no Museo Etnográfico Liste (Vigo), que foi visitada por perto de dez mil persoas.
.
Á súa angueira investigadora e creativa engádeselle a súa faceta de conferenciante no ámbito da mitoloxía popular e da defensa do patrimonio. Consignado no Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), é adoito colaborador da prensa escrita (de xeito cotiá, no xornal Faro de Vigo) e da web Galicia Encantada. Mantén na internet os blogs O Embigo do Becho e Cerdedo in the Voyager.
.
.
.
↧